A portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado Nestor Rego desprazáronse até o viaduto do Castro, na A6, para coñecer in situ o estado desta infraestrutura tras o colapso que provocou o seu derrubamento a pasada semana. A líder do BNG demandou unha investigación transparente e independente que permite coñecer as causas do sinistro e dirimir responsabilidades, ao tempo que reclama a máxima implicación do Goberno central e do Goberno galego para recuperar unha infraestrutura clave para Galiza, pero que, está sendo tratada como un asunto menor por parte do Estado.
“Estou convencida de que si esta ponte que se derrubou estivese conectando Madrid, Catalunya ou Euskadi a resposta sería moi diferente, a ministra responsable sería a primeira en estar aquí presente, habería información, prazos para recuperar a infraestrutura, pero non é o trato que se lle da Galiza”, denunciou Pontón, para quen resulta incomprensible que unha semana despois a titular de Transportes non se teña desprazado até o lugar do sinistro.
A día de hoxe nin se coñecen as causas do derrube, nin como se está investigando, nin cales son os prazos para recuperar unha infraestrutura clave desde o punto de vista económico, social e da mobilidade. “Galiza precisa solucións e transparencia e iso é o que lle pedimos ao Goberno central e ao Goberno galego, porque estamos ante un feito moi grave que merece unha resposta que até o momento non tivo”, insistiu, Pontón.
Neste sentido, a líder do BNG propón a creación dunha comisión de seguimento para a recuperación desta infraestrutura coa presenza do Estado, da Xunta, dos sectores económicos e sociais afectados e das forzas políticas parlamentarias.
“Necesitamos transparencia, solucións e que se leven a cabo, desde a rigorosidade, os traballos para recuperar a normalidade e para unha análise completa desta infraestrutura, que tivo un custe millonario, unha das máis caras de todo o Estado e preguntámonos que unha obra con apenas 20 anos teña fallos que provoquen o seu colapso. Hai que abrir un proceso de investigación transparente e darlle certeza a cidadanía nunha cuestión tan importante como é a seguridade viaria”, recalcou.
Por iso, o Bloque demanda unha investigación independente para coñecer as causas que están detrás da caída do viaduto e un calendario de prazos para recuperar a infraestrutura e con ela a mobilidade da A-6.
O deputado Nestor Rego insistiu na falta de información do derrube, tanto sobre as causas como para establecer as posibles responsabilidades, ao que se engade a preocupación pola seguranza das infraestruturas do mesmo tipo, “porque entendemos que os e as cidadás teñen que ter a confianza de que non vai acontecer nada similar”.
“Non se pode ocultar información e é necesario coñecer se a responsabilidade é da administración pública ou das empresas construturas, entre elas FCC, unha das máis grandes do Estado”, indicou, tras destacar o sorprendete que resulta que con só vinte anos de funcionamento se estivesen realizando obras de reparación que ademais eran asumidas e sufragadas desde o erario público.
En aras da seguridade, Rego explicou que o BNG solicita unha auditoría da totalidade da A6, “sería normal unha política de auditoría e conservación de todas as infraestruturas dependentes do Ministerio de Fomento no conxunto da Galiza, pero neste momento é evidente que é prioritario que esa auditoría se faga das construcións similares desta autovía”, explicou o deputado, que xa ten solicitado a comparencia da ministra de Transporte no Congreso, recalcando que tamén o Goberno do PP ten que posicionarse.