O BNG pide celeridade no pago das indemnizacións polos ataques dos lobos cubrindo todos os danos

XLRIVAS COMISION AGRICULTURA
  • Mini: “Non é de recibo que en 2017 aínda se estean abonado indemnizacións correspondentes ao 2014”

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Xunta no Parlamento celeridade no pago das axudas ás explotacións gandeiras que se viron afectadas por ataques de lobo no concello de Vilasantar, que están sendo obxecto de acoso por este animal cun balance de 143 animais mortos só nunha única explotación en catro anos.

Os ataques incrementáronse na parroquia de Présaras, explicou o deputado na Comisión de Agricultura, cun total de 16 animais mortos e varios feridos no prazo dunha semana en dúas granxas. Entre os afectados, unha explotación extensiva de ovino-caprino con animais de raza e calidade, ataques moi graves neste concello de Ourense, pero que se están a dar tamén noutras comarcas do país.

Neste contexto, Rivas instou á Consellería de Medio Ambiente “unha actuación decidida porque se está a dar unha situación de perigo”, alertou, cunha manada de lobos “que actúa sen importarlle a presenza da xente e come gando de forma permanente”.

Ademais, o deputado do BNG esixiu á Xunta rapidez e axilidade no pago das axudas, que deben cubrir a totalidade dos danos causados nas explotacións, “non é de recibo que en 2017 aínda se estean abonado indemnizacións correspondentes ao 2014”, denunciou.

Igualmente, acusou ao Goberno galego de non poñer as medidas necesarias para paliar os danos, advertindo unha diminución das axudas para que os gandeiros e gandeiras tomen medidas preventivas, “menos cartos para os cans, menos cartos para os peches”.

Rivas deixou claro que o Bloque non está en contra da pervivencia do lobo, “pero non entendemos o desamparo ao que o goberno do PP ten sometida á poboación nas aldeas, que sofre os danos e o perigo causados polo lobo, polo porco bravo e outras especies”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG