A deputada do BNG, Noa Presas pediu hoxe ao Goberno galego que se “implique” na situación da empresa Isowat, con sede na Coruña, sobre a que pesa a ameaza de peche.
A deputada explicou que están en perigo 85 postos de traballo “cualificado e de calidade” e na actualidade a empresa, do grupo Invertaresa, atópase en concurso de acredores.
Presas lembrou que no ano 2007, a empresa contaba con 200 traballadores e en pouco máis de dez anos minguou á metade, mais non por “non ser rendíbel” senón pola estratexia seguida, a todas luces errada, do grupo Invertaresa e as “súas prácticas de saqueo”.
Ademais, “Invertaresa recibiu axudas do IGAPE para mercar Isowat” e todo indica que usou a capitalización de Isowat para “outros negocios e aventuras empresarias”. Na adquisición de Isowat, asegurou Presas, pesou a intención de pegar “un pelotazo” no solar onde se sitúa a fábrica, condicionado a unha recualificación urbanística.
A día de hoxe, entre outras cargas, sobre a fábrica recae unha hipoteca de Abanca que terían que asumir os novos compradores, se ben a Abanca se está a mostrar flexíbel á hora de negociar posíbeis solucións coa transformación da hipoteca nun contrato de aluguer.
Isowat, especializada no deseño, fabricación e solucións integradas en media e baixa tensión, é unha empresa con longa tradición na Coruña (antiga Isolux Galiza), unha empresa avanzada, con produtos de alto valor engadido e unha importante carteira de clientes como Navantia, Endesa, Naturgy, ou Repsol.
“Isowat é viábel economicamente” recalcou a parlamentaria polo que volveu a reclamar que o Goberno galego interveña para garantir o seu futuro, sobre todo, dixo porque existe o risco de que posibles compradores pretendan adueñarse das patentes.
A deputada preguntou que actuacións levou ou pensa levar a cabo o Goberno galego para favorecer a actividade e postos de traballo da empresa Isowat así como a súa valoración do sector industrial na cidade e comarca da Coruña.
Trala resposta do director Xeral do Igape, a deputada do BNG replicou que, unha vez máis, “a Xunta fáltalle valentía e responsabilidade” e volveu a reclamar a implicación do Goberno galego.