O Bloque Nacionalista Galego pide ambición na Comisión de Financiamento para que Galiza non queda atrás e teña un sistema xusto, e insiste nunha negociación bilateral Galiza-Estado fronte a unha multilateralidade que nos fixo perder xa 14.000 millóns de euros, e que é a que propón o Executivo de Rueda.
Así o asegurou a responsable de Facenda e Función Pública, Noa Presas, quen afirmou que “desde o Bng parabenizámonos de que haxa consenso dos parlamentarios para reactivar a comisión do Parlamento encargada de facer unha proposta para a reforma do sistema de financiamento” para despois criticar que “o responsable dun sistema que leva 10 anos caducados e nos fixo perder 14.000 millóns de euros é o centralismo do Partido Popular”. É por iso que o BNG insta a que “se elaboren canto antes unhas conclusións que tiñan que terse aprobado en 2022”.
A deputada lembrou que “é algo que reivindicamos hai pouco” e que “é urxente”, despois de que esta comisión estivese dous anos e medio bloqueada polo Partido Popular, “máis pendentes de servir a Génova que de servir aos galegos e galegas”, recriminou.
Presas Insistiu en que que Galiza non pode perder máis tempo porque “canto máis tempo perdemos, perdemos diñeiro para poder financiar cuestións tan importantes para a vida dos galegos e galegas como a sanidade ou o ensino”.
Un sistema xusto e adaptado á nosa realidade que non discrimine a Galiza
Considera “urxente que esta comisión traballe”. É por iso que instou a que “se elaboren canto antes as conclusións” e anunciou que “imos pedir ambición para que Galiza non quede atrás e que teña por fin un sistema xusto porque nos xogamos moito” Pediu ambición tamén para “cambiar un sistema que nos discrimina e que fai que teñamos máis dificultades para blindar o noso ensino ou a nosa sanidade”.
“No BNG temos claro que hai que acabar con esta discriminación e por iso defendemos un modelo de financiamento propio, singular, adaptado á nosa realidade, que nos permita ter a chave dos nosos cartos”. Asegurou que o BNG ten claro tamén que “aínda na marxe das comunidades de réxime común, pódese progresar con criterios máis xustos e avanzando no autogoberno fiscal”.
Presas segue insistindo, tal e como fixo esta semana a portavoz do BNG, Ana Pontón, na necesidade de que Alfonso Rueda “abra unha negociación bilateral co Estado fronte a unha “multilateralidade” cuxo resultado é a discriminación con Galiza, que paga unha factura de 14.000 millóns de euros”, o que se traduce en que “cada galego e galega recibe agora 391 euros menos do que lle corresponde”. Son datos reflictidos polo Consello de Contas no seu informe sobre o resultado do actual sistema de financiamento entre 2009-2021 en termos de equidade e eficiencia.
A deputada nacionalista acusou ao goberno do Partido Popular de “non facer nada estes anos para cambiar un financiamento que nos discrimina” para seguir incidindo en que o informe do Consello “desmonta a súa política fiscal e fainos perder recursos en favor da minoría máis rica no lugar de aumentar os recursos para prestar os servizos públicos”.
“Non se trata dun “debate técnico senón político, se as forzas estatais poñen Galiza por diante ou o que lles manden desde Madrid”, concluíu.