Bloque Nacionalista Galego veu defendendo en todos os debates anteriores que outro Estado de alarma era posíbel, comezando por reverter un proceso de centralización das decisións que só xerou máis burocracia e inoperancia práctica do operativo contra a pandemia e a adopción de decisións que, en moitos casos, non se axustaban á realidade e ás necesidades do noso País.
Tamén para o debate sobre as condicións do Estado de alarma que terá lugar mañá, mércores, no Congreso, o BNG mantén ese mesmo criterio que, ao longo dos últimos días lle fixo chegar ao PSOE e ao Goberno. Entendemos que, para alén do papel de coordinación que deba exercer o Ministerio de Sanidade naquelas cuestións de carácter xeral, debe ser restaurado plenamente o papel das Comunidades Autónomas no seu ámbito territorial e competencial.
Ademais, defendemos que é preciso mudar criterios que non teñen en conta a realidade do noso País. Por exemplo para permitir a mobilidade entre as diferentes provincias galegas, dado que todas están na mesma fase e carece de sentido estabelecer fronteiras onde socialmente non existen e que non xogan ningún papel práctico do punto de vista sanitario.
O BNG entende que o sensato é que a proposta de prórroga do Estado de alarma se faga, como veu sendo habitual, por 15 días, pois non hai ningunha razón que xustifique que agora se pretenda facer por un mes como non sexa evitar o control parlamentar.
Aliás, o BNG reclama do Goberno que modifique os criterios anunciados para o reparto dos 16.000 millóns de euros de axuda ás Comunidades autónomas. Entendemos que é imprescindíbel que aspectos que mesmo son esenciais para determinar o gasto sanitario, como dispersión da poboación, envellecemento e dependencia teñen que figurar en porcentaxes relevantes. “Non é admisíbel que sistematicamente se obvien ou infravaloren criterios de reparto que prexudican gravemente os intereses da Galiza”, sinala o deputado, Néstor Rego.
O deputado nacionalista tamén trasladará ao Goberno a necesidade de prever un permiso laboral retribuído para as persoas que precisen atender fillos e fillas menores que non teñen aulas e teñen que ficar na casa ou persoas dependentes da familia.
Para Néstor Rego o proceso de diálogo, que se enmarca na actitude responsábel e construtiva que sempre mantivo o BNG, está a ser positivo, mais é necesario constatar a vontade do Goberno de executar as propostas realizadas. “Vemos que existe receptividade ás propostas do BNG, o que demostra o que dixemos sempre, que outro tipo de Estado de alarma era posíbel, mais agora é preciso verificar estas medidas”, sinala o deputado nacionalista.