O BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para arranxar os problemas de ventilación no Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, unha deficiencia nas instalacións do CMUS que xa ocasionaba graves dificultades para a normal actividade do centro e que, agora, co actual contexto de pandemia, implica ademais un elevado risco para a saúde de profesorado e alumnado.
Ante a iniciativa nacionalista prevista para hoxe na Cámara galega, o PP tratou no día de onte de articular unha solución de urxencia, pero a súa proposta só daba resposta aos problemas de ventilación nun único piso. A proposición non de lei do BNG aprobada esta mañá no Parlamento resolve as deficiencias nos catro pisos do edifico do CMUS, co arranxo de todas as fiestras na totalidade das instalacións, ademais de impulsar a avaliación das necesidades técnicas do centro para dar cumprimento aos protocolos e plans anti-COVID.
Neste último sentido, o portavoz de Educación, Manuel Lourenzo, referiuse entre outras cuestións á ausencia de rede wifi e equipos informáticos dotados de cámaras web, carencia de recursos que imposibilita a implementación do protocolo de ensino virtual no conservatorio Manuel Quiroga. “A Xunta propón un plan de ensino virtual pero a dotación de recursos é tal que os ordenadores nin sequera dispoñen de web cam. Como se vai impartir as clases así?”, cuestionou.
O deputado do Bloque considerou “inadmisibles” as deficiencias do CMUS e dixo agardar que con este acordo parlamentario se resolvan cuestións que afectan directamente á actividade académica do centro e que, en concreto para os problemas de ventilación, as que a Consellería de Educación prometeu solucións hai xa oito anos. “Temperaturas nas aulas superiores aos 35 graos, mareos, lipotimias e mesmo desfalecementos, unha situación que xa resultaba insostíbel en condicións normais eu que coa pandemia resulta inadmisible”, subliñou.