BNG levará ao Parlamento a construción dunha nova sede para a Escola Oficial de Idiomas de Santiago tras 20 anos

Escola Oficial de Idiomas
Escola Oficial de Idiomas
Ana Pontón lembra que ela foi unha das máis de 30.000 alumnas e alumnos que pasaron por esta escola, convertida en referente de calidade do ensino público

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha visita á escola oficial de idiomas de Santiago de Compostela, da man do seu director, Gonzalo Constela, xunto co portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, e da portavoz municipal, Goretti Sanmartín. A líder nacionalista avanzou que o BNG vai levar tanto ó concello como ao Parlamento o debate para poñer en marcha unha nova sede, -vella e sentida reclamación na cidade-, que poña fin a máis de vinte anos dun centro que naceu nunha localización provisional e polo que pasaron máis de 30.000 estudantes.

Entre eles a propia líder nacionalista, como recordou a propia Pontón.  “Este centro forma parte da construción da cidade pola súa achega”, indicou, tras destacar que á EOI asístese por diferentes motivacións, desde polo pracer de aprender idiomas a para conseguir unha oportunidade para mellorar as expectativas laborais.

“Resulta clave darlle un impulso á aprendizaxe de linguas desde a capital do País e iso pasa por ter unha nova escola de idiomas á altura das necesidades actuais, que permita contar cos medios para impartir o ensino de idiomas cunha metodoloxía actualizada así como ampliar a oferta de linguas”, recalcou.

Pontón, que destacou a calidade do profesorado, lembrou que, tras dúas décadas de traballo da man dun profesorado de moi alto nivel e entrega, se ten convertido nun emblema da calidade do ensino público en Galiza.  E cun balance non só numérico senón tamén para a mellora da formación lingüística de Santiago e Galiza, cun labor incuestionábel de modernización do ensino e integración social, o BNG insiste na urxencia de que a Xunta inclúa nos orzamentos unha partida para o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, unha demanda que a formación nacionalista leva anos apoiando, pero que goberno do PP segue sen concretar, desoíndo unha reivindicación xusta e urxente.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG