O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou onte novas iniciativas a respecto das previsións do Goberno para minimizar os inconvenientes que suporá o fechamento da liña ferroviaria Ourense-Santiago para a instalación do sistema de seguranza ERTMS. A frente nacionalista demanda asegurar as conexións mediante autobuses suficientes que presten servizo e eviten o colapso, sobre todo nas horas punta, dando cobertura a todas as persoas usuarias e non unicamente ás que xa adquiriron un billete. Co obxectivo de acurtar os prazos dos dous períodos de fechamento das vías, reclama destinar máis recursos ás tarefas de instalación, proba e formación.
Esta quarta feira, 12 de abril, coñeceuse que durante o primeiro corte da liña Ourense-Santiago para a instalación do sistema de seguranza, os pasaxeiros non disporán de transporte alternativo. Ante este anuncio, o deputado do BNG no Congreso rexistrou iniciativas de urxencia na cámara baixa o mesmo día para que o Goberno do Estado asegure unha oferta de conexións de autobuses como medio alternativo que teña a capacidade para prestar servizo a todas as persoas usuarias.
“RENFE anunciara a habilitación de transporte por estrada alternativo para todos os pasaxeiros e pasaxeiras que puidesen verse afectados polo peche. Mais agora comprométese só a fretar autobuses para os viaxeiros que xa comprasen billetes, mais non ao resto de persoas que utilizan a diario este transporte e que durante eses días quedarán sen servizo porque aínda non adquiriron o billete” denuncia o deputado do BNG.
Como xa reclamou a organización nacionalista noutras iniciativas anteriores “é necesario paliar as consecuencias da interrupción do tráfico ferroviario” polo que ADIF debe asegurar unha cobertura total aos desprazamentos e necesidade de mobilidade da poboación que non poderá utilizar o tren nas súas viaxes diarias durante os días 22, 23 e 24. “O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana debe, en todo caso, facilitar os medios de transporte alternativos que sexan necesarios para as persoas usuarias da liña AVANT e evitar así o caos e o colapso que poida existir mentres a liña ferroviaria permanece pechada pola instalación do sistema de seguridade ferroviaria ERTMS” sinala Rego.
Así mesmo, cabe destacar tamén que, para a instalación do ERTMS, unha medida necesaria, poderíanse prever outras alternativas distintas do fechamento total da liña e o tráfico ferroviario, que debería ser excepcional e que podería limitarse só ao horario nocturno ou en períodos de menos tráfico, causando así moitos menos inconvenientes, ademais de incrementar os medios para poder realizar o trámite en menos tempo.