O deputado do BNG Daniel Pérez instou hoxe ao Goberno do PP a mudar o modelo de turismo ‘low cost’ por outro baseado na sustentabilidade e na diversificación que sexa respectuoso coas comunidades locais receptoras, que mellore as infraestruturas e xere emprego estable e non precario. “É imprescindible decidir que turismo queremos para a nosa terra, un que sexa realmente sostible, respectuoso co medio e coas comunidades locais, que nos consolide como destino caracterizado pola excelencia e a profesionalización do sector ou un turismo low cost agresivo cos nosos recursos naturais e patrimoniais”, advertiu.
O BNG vén de presentar no Parlamento galego una batería de iniciativas nas que reclama á Xunta que poña a ferramentas necesarias para cambiar o actual enfoque “xacobeo-centrista” do turismo, e apoiar, entre outras cuestións, a taxa turística proposta polo Concello de Santiago para paliar o impacto xerado polo turismo masivo.
Daniel Pérez alerta nas súas iniciativas das consecuencias “cada día más evidentes” na Galiza dun modelo de turismo de baixo coste que se concentra no Xacobeo e no Camiño de Santiago e que “crea unha fenda cada vez maior coa excelencia e profesionalización á que debe aspirar o sector, afastándose da tan necesaria posta en valor dos nosos recursos turísticos”, apunta.
Denuncia, neste sentido, que a masificación e a xentifricación, co desprazamento paulatino da poboación local, son xa realidades en moitas vilas costeiras das Rías Baixas pero tamén nas Rías Altas, realidades que amosan na capital de Galiza “as súas competencias máis desagradables”.
O BNG ten claro que o turismo, pola súa importancia económica, social e cultural, debe xogar un papel tractor na economía do País, pero aposta por un modelo diferente caracterizado pola sostibilidade , con políticas de desestacionalización e diversificación, un modelo de protexa e poña en valor os recursos naturais e o patrimonio e repercuta de maneira positiva nas zonas turísticas receptoras, con mellores infraestruturas e emprego de calidade.
Daniel Pérez esixe para elo que a Xunta habilite ferramentas para financiar a competitividade de Galiza como destino turístico e sirvan tamén para reparar o impacto xerado pola chegada masiva de visitantes.
Defende, neste sentido, que o tributo sobre as estancias turísticas proposto polo Concello de Santiago está lexitimado polos maiores custos de prestación de determinados servizos, como a limpeza de espazos públicos, o mantemento de estradas ou o saneamento. Pero, ademais, axudará a promover un turismo máis sostible e, “sen ter unha vertente disuasoria, vai xogar en favor da cohesión e a aceptación social do turismo”, sostén o deputado do Bloque, para quen a taxa “sería percibida polos visitantes como unha contribución modesta dirixida a actividades rexenerativas e de mellora”.
“É innegable que o turismo de masas aumenta as necesidades financeiras dos concellos que o soportan, condicionando a súa suficiencia financeira, ao ter que afrontalas coas fontes de financiamento habituais”, alega na defensa da taxa proposta polo goberno de Santiago, unha nova figura fiscal para a que o BNG demanda o apoio da Xunta e da que se poderían beneficiar os concellos que o solicitasen e obtivesen a declaración de municipio de grande impacto turístico. “Unha parte do recadado reverterá nas administracións locais”, explica Daniel Pérez.
O BNG pide así ao Goberno da Xunta que apoie o imposto sobre estadías turísticas que quere aplicar Santiago e, ademais, que valore tamén a proposta dun proxecto de lei que o regule.
Na procura dun modelo turístico realmente sustentable e xerador de riqueza, máis distributivo e xusto, a forza nacionalista avoga tamén unha reformulación do Xacobeo “levando a cabo unha planificación e un investimento económico maior no turismo cultural, urbano, patrimonial ou de ordenación de espazos, con actuacións que melloren ao tempo as infraestruturas e o nivel de vida da poboación local”.