O portavoz de emprego e turismo do BNG, Daniel Pérez formulou unha pregunta ao Goberno galego sobre a posta en marcha do programa de subvencións denominado “Bono Xove Xacobeo”.
O parlamentario do BNG instou á Xunta a camiñar na senda dun “modelo turístico sostible e de excelencia” contrario á concepción xacobeo-céntrica do Partido popular.
O deputado explicou que a liña de axudas anunciada polo presidente Rueda dirixíase ás mozas e mozos que dispuñan de carné xove, menores de 30 anos e cunha dotación de 500 euros dos que 200 eran aportados pola Xunta de Galiza. As persoas beneficiarias deste bono deberán aloxarse un mínimo de catro noites en establecementos turísticos do Camiño de Santiago, contratando un paquete quen tería ese desconto de 200 euros sobre o custe total e que, polo tanto, cubriría entre o “40 e o 50% do importe global”.
Hai uns meses, lembrou o nacionalista, comprobamos como a peregrinación europea de mozos e mozas católicos europeos “colapsaron Santiago” coa chegada de máis de 12.000 persoas. Dende o BNG, levamos anos dicindo que o “Xacobeo é un burato negro e opaco” porque absorbe “cantidades inxentes de cartos públicos” e impide xestionar e aproveitar “os recursos turísticos de Galiza “cun modelo sostible”.
Para o deputado, é unha oportunidade aproveitar a forza da marca do Xacobeo para “expandir e redistribuír a riqueza xerada por un turismo sostible, diversificado e de calidade por todo o noso territorio” baixo “criterios cuantitativos” porque o actual modelo, reiterou o nacionalista, propicia un volume de visitantes que masifica a ruta xacobea nos últimos quilómetros antes de Santiago de Compostela, e sobre todo, masifica a propia capital.
Por outra banda, a proliferación de vivendas de uso turístico na capital galega ou a peregrinación europea de mozos e mozas deste verán son un exemplo claro de que o “modelo turístico actual non é sostible”.
Ao seu xuízo, “un modelo sostible” conleva políticas turísticas que minimicen ou teñan previsto o impacto negativo no medio ambiente, xeren emprego de calidade e estable, respecten ás comunidades locais e a súa forma de vida e aos propios viaxeiros” polo que volveu a avogar por “unha reformulación do Xacobeo”.
Ademais do problema de xentrificación en Santiago de Compostela, onde a comunidade local e o estudantado se ven expulsados da cidade, moitas vilas costeiras, sobre todo nas Rías Baixas , Costa da Morte e A Mariña manteñen un modelo turístico contrario ao concepto de sostenibilidade., engadiu.
O Bono Xove Xacobeo incrementa a masificación
Nesta liña, remarcou que o Bono Xove Xacobeo concentrará a todas as persoas que se acollan na zona que máis sofre a masificación: No camiño de Santiago e con esta política a Xunta, afirmou o nacionalista “está cebando a masificación dunha zona xa ao limite”. A calidade do destino debe potenciar a excelencia e ser fonte de riqueza.
Tras a intervención do Director Xeral de Turismo, José Manuel Merelles, o deputado replicou que Galiza debe contar cun modelo turístico “verdadeiramente sustentable” así como mellorar as comunicacións para facilitar a chegada de visitantes e mobilidade no propio destino. E iso, remarcou , supón “superar a concepción absolutamente xacobeo-céntrica que ten do turismo o Partido Popular”.