Congreso

BNG insta o Goberno a concretar de inmediato un calendario para a intervención de Alcoa

Néstor Rego na Mariña
Néstor Rego na Mariña
Néstor Rego reclamou no Congreso fixar a próxima reunión da Mesa Multilateral para adoptar un calendario cos prazos e pasos necesarios para a intervención pública da empresa.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha Proposición Non de Lei e varias preguntas escritas instando o Goberno español a que adopte de inmediato un calendario de actuacións para a intervención pública de Alcoa San Cibrao. “Desta forma darase cumprimento ao acordo adoptado na Comisión de Industria do Congreso dos Deputados, para o que deben iniciarse os trámites para a intervención da empresa” sinalou o deputado.

O xuízo que decidirá se se aplican medidas cautelares á compañía deu comezo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Néstor Rego destacou que se este órgano xudicial resolve favorablemente sobre as medidas cautelares “frearase a execución dos despedimentos até que se resolva se o expediente de despedimento colectivo é nulo e as 524 persoas traballadoras ameazadas de forma directa coa perda do seu posto de traballo lograrían un pouco máis de tempo. Con todo, non evitará o inminente peche da fábrica e con ela, a desaparición de miles de postos de traballo e o desastre económico para toda a comarca da Mariña” apuntou Rego.

O deputado nacionalista destacou que “a solución ao peche de Alcoa non virá da man de decisións xudiciais, polo que resulta preocupante que, quer a Xunta quer o Ministerio, se inhiban de actuar e limítense a esperar a decisión dos Tribunais en lugar de tomar a iniciativa e dar unha saída política á situación, a única saída posible ao conflito neste momento”.

Hai tan só dúas semanas aprobábase no Congreso dos Deputados unha iniciativa instando o Goberno español a iniciar, no caso de fracasar as negociacións para a venda de Alcoa, a intervención pública para salvar os postos de traballo e evitar a parada das cubas. Néstor Rego lembra que esta iniciativa, presentada polo BNG, “foi apoiada polo voto favorable dos dous partidos do Goberno do Estado, PSOE e Unidas Podemos, así como polo propio Partido Popular, que ostenta a presidencia da Xunta de Galiza”.

Así, o BNG insta a ambos os gobernos para materializar ese compromiso e tomar as medidas necesarias para iso de inmediato, “o momento desa actuación chegou, a única posibilidade para salvar este sector estratéxico da economía da Galiza e do Estado e miles de postos de traballo é a intervención pública”.

“Agora resulta evidente para todas as partes implicadas que Alcoa nunca tivo a intención de vender e que durante o proceso de negociación incorreu en moitas irregularidades -explicou o deputado e advirte que-, se as cubas páiranse, a situación será irreversible e eliminaríase calquera opción de continuar coa produción de aluminio”. A formación nacionalista xa advertiu desde un principio que a paralización das cubas significaría un dano irreversíbel das capacidades produtivas e lastraría unha solución de futuro. “Coa decisión de pechar e parar a produción, Alcoa tenta impedir a continuidade da actividade sen importarlle o desastre industrial e laboral, tanto para A Mariña como para o conxunto de Galiza, tanto na de forma directa como nas empresas auxiliares que dela dependen” subliñou.

Para o BNG, a solución que desbloquee este problema só pode vir da man dunha actuación política decidida dos Gobernos implicados, o da Xunta da Galiza e o do Estado. Néstor Rego destacou que “é imprescindible que se fixe de forma inmediata unha data para a reunión da Mesa Multilateral e que se concrete un calendario para a intervención efectiva de Alcoa”. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG