O BNG insta ao goberno a prohibir usos hostaleiros lucrativos en espazos declarados BIC na Illa de San Simón

Illa de San Simón
Illa de San Simón
Luís Bará pregunta si existe algunha  concesión de servizos na illa para organizar actividades hostaleiras con  ceas  a 30 euros, incluída a viaxe anunciada  recentemente por unha navieira para celebrar “Un Samaín de miedo en la Isla de San Simón”

O parlamentario do BNG, Luís Bará rexistra unha batería de iniciativas relativas aos usos da Illa de San Simón e exixe cumprir a lei no que atinxe ás  condicións establecidas no outorgamento pola administración do Estado da concesión das illas de San Simón e San Antón, no concello de Redondela.

A Illa de San Simón, explica o deputado na proposición non de lei,  é un ben de dominio público marítimo-terrestre cuxa titularidade pertence ao Estado. Por Orde do 19 de setembro de 1997, o Ministerio de Medio Ambiente outorgou á Xunta de Galicia a concesión da ocupación de 33.361 m2 de terreos para usos relacionados cos recursos mariños e posteriormente, o 12 de xullo de 2001, autorizábase a modificación da concesión anterior para levar a cabo as obras contidas no “Plan Director das Illas de San Simón e San Antonio”. Segundo esta concesión, engade Bará, a illa “non poderá dedicarse a usos distintos dos incluídos na concesión de tipo docente e cultural”. Queda “prohibido expresamente o uso hoteleiro” e a administración estatal debe informar con carácter vinculante, dos proxectos de xestión directa ou indirecta que se presten nas illas.

Por outra parte, explica Bará,  establécese o principio de “acceso público e gratuíto” e a Xunta de Galicia declarou as Illas de San Simón e San Antonio, “Ben de Interese Cultural, coa categoría de Sitio histórico”.

Ante o anunciou da celebración dunha festa e cea  nocturna baixo o título “Un Samaín de miedo en la Isla de San Simón”, autorizada a unha navieira, o parlamentario demanda  “respecto”  ao simbolismo da Illa e as persoas que estiveron presas neste campo de concentración franquista polo que interpelará ao goberno sobre o cumprimento da Xunta das obrigas derivadas da concesión da illa de San Simón e San Antón, outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente en xullo de 2001 e si considera que a organización de festas e ceas privadas organizadas por empresas hostaleiras  se axustan   á concesión.

O parlamentario do BNG tamén preguntará si o edificio conta coas condición e vixilancia necesaria para as actividades descritas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG