Congreso

O BNG impulsa a aplicación do acordo de investidura

Comisión seguimento
Comisión seguimento

A primeira reunión da Comisión de seguimento entre o BNG e o PSOE serve para calendarizar as primeiras actuacións

Néstor Rego considera que se debe mellorar o Estatuto da Industria Electrointensiva

O deputado Néstor Rego, acompañado de Goretti Sanmartin e Rubén Cela, en representación do BNG, reuníronse hoxe cunha delegación do Partido Socialista, encabezada por Adriana Lastra, na primeira sesión da Comisión de seguimento do acordo de investidura asinado entre as dúas formacións hai pouco máis dun mes. A xuntanza serviu, segundo Néstor Rego, para impulsar e axendar a implementación das primeiras medidas recollidas no acordo, especialmente aquelas non requiren a previa aprobación dos orzamentos xerais do Estado.

Entre estas, a convocatoria inmediata da Mesa de traballo  sobre Endesa – As Pontes para avanzar no Convenio de transición xusta que garanta a continuidade de actividade económica e postos de traballo na vila e na comarca.

Foi acordada tamén a tramitación da modificación da Lei integral contra a Violencia de Xénero para incluír os delitos sexuais como violencia machista e adaptala ao Convenio de Istambul. En consecuencia, impulsar tamén a creación de xulgados específicos, comezando pola cidade de Lugo.

O BNG ve marxe de mellora no Estatuto das Electrointensivas para lograr o obxectivo de garantir que sirva de solución para toda a industria do sector, tamén para a “hiperelectrointensiva” como é o caso da planta de Alcoa (San Cibrao).  Nese sentido, adiantou á delegación do PSOE a necesidade de ficar abertos a modificacións e tamén a intención de que poida ser aumentada a contía para compensación por CO2.

En referencia á AP-9, o groso das actuacións recollidas no acordo, como a bonificación de 100% para usuarios recorrentes, precisan de apoio orzamentario, polo que serán implementadas no momento en que estean aprobados os Orzamentos de 2020. Con todo, o BNG urxiu as actuacións necesarias por parte do Ministerio para que nese momento estea todo pronto. Especialmente, para preparar o acceso a Vigo no momento da liberación da peaxe até Redondela. Neste sentido, Rego lembrou que o Ministerio xa está a executar un estudo de tráfico nesa área para poder intervir.

Na reunión tamén foi abordada a prioridade ás modificacións normativas precisas para resolver os problemas dos emigrantes retornados coa Facenda española ou o aumento das horas de emisión en desconexión en lingua galega de RNE e TVE.


RELACIONADO: Todo o que conseguiu o BNG co acordo de investidura

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG