O Bloque Nacionalista Galego exixe restituír a legalidade política ás Comunidades Autónomas e elaborar un plan de desconfinamento propio na Galiza, de forma consensuada no Parlamento galego. Na Comisión de Sanidade e Consumo, en que compareceu o Ministro Salvador Illa, o deputado nacionalista, Néstor Rego, mostrouse crítico con que se optase polo marco provincial para o desconfinamento, o que non se corresponde á realidade galega.
Rego defendeu o ámbito galego para a toma das decisións e o comarcal para a xestión. “Parece sensato tomar en consideración o estado de cada comarca, que no caso da Galiza, si responde a unha realidade social, incluso económica e polo tanto de relación. O problema de pretender decidir desde Madrid con criterios uniformes é que se descoñecen estas realidades e esa é a mellor receita para o fracaso”, apuntou.
O deputado do BNG pediu ao Goberno que rectificase e que deixase de tomar decisións por criterios políticos e pasase a priorizar os sanitarios. Lembrou que, no seu día, se negaron a fechar Madrid “por razóns políticas ou económicas, e iso tivo consecuencias moi negativas na expansión do contaxio por todo o Estado español, tamén á Galiza”, polo que reclamou que non se volte a cometer o mesmo erro na fase de desconfinamento progresivo.
Neste sentido, Néstor Rego advertiu ao Ministro que o Goberno español debe rectificar ese camiño errado ou non poderá seguir a contar co apoio do BNG. “Así, non, Sr. Ministro”, enfatizou.
O deputado nacionalista trasladou o descontento social que está a xerar un plan con enormes imprecisións, que adianta medidas que se non son complementadas por decisións no ámbito social e económico poden resultar nun desastre para os sectores económicos máis vulnerábeis, especialmente os traballadores e traballadoras e os autónomos, sobre todo do pequeno comercio e a hostalaría.
Rego instou o Ministro de Sanidade a priorizar o uso de tests con criterios sanitarios públicos e non con criterios económicos. Lembrou que o BNG xa denunciou como empresas privadas dispoñen de test para realizar aos seus empregados e empregadas, como o caso de Natrurgy. O mesmo Ministerio de Traballo contratou a realización de probas, por importe de 125.000 euros a unha empresa privada, Quirón Prevención. “Con todo, o persoal do sistema sanitario, asistencial ou de residencias seguen queixándose de que non se lles realizan as probas que darían máis datos e más seguridade no seu traballo” salienta Néstor Rego.
Por iso, o deputado nacionalista preguntou enfaticamente como é posíbel que haxa test para quen poida pagalo mais non para o persoal sanitario, e sinalou que o BNG vén reclamando a realización masiva de test á poboación, empezando polas persoas que traballan en zonas de risco. “Até agora dicíase que non había test suficientes, mais hoxe soubemos que fabricantes de PCR están empezando a exportar porque o goberno non ten interese en adquirilos” explicou o deputado nacionalista.
Por último, Rego preguntoulle ao Ministro, Salvador Illa, pola fiabilidade dos test que o Goberno e tamén a Xunta están a utilizar nos respectivos estudos epidemiolóxicos de seroprevalencia, despois de que a India os retirase por consideralos defectuosos. O deputado sinalou que existe certa sorpresa na Galiza pola baixísima porcentaxe de positivos, “o que xera a dúbida de se é que o virus se estendeu moi pouco -o que non concorda con outros indicadores- ou os test non funcionan adecuadamente” subliñou.