O BNG exixe ao Goberno español a través da Embaixada española en Filipinas e/ou o Ministerio de Exteriores a realizar as xestións oportunas co Goberno e a policía filipina para conseguir o esclarecemento dos feitos que rodearon a morte de Diego Bello. Ademais instan o Goberno a que compareza na causa para demandar información e lograr a súa exculpación.
Tal e como anunciaba esta fin de semana Francisco Jorquera, portavoz municipal do BNG na Coruña, o BNG está a presionar o Goberno central para que se esclarezan as causas da súa morte e se faga xustiza. “Antes que nada, queremos expresar a nosa solidariedade coa familia e os achegados de Diego Bello. Diego foi asasinado dúas veces. Foi asasinado pola policía filipina, pero é que ademais a policía filipina, amparada polas autoridades de Manila, intenta agora manchar a súa honra”, afirmaba o portavoz municipal do BNG.
Hai que ter en conta que desde que se fixo coa presidencia Rodrigo Duterte, promulgouse unha lei que autoriza á Policía para disparar a matar en casos de tráfico de drogas e cando a policía véxase “ameazada”. Isto fai que a policía, co amparo do goberno, se comporte como “escuadróns da morte” que utilizan estes poderes excepcionais para aniquilar opositores ou a todos aqueles que non se dobren ás súas prácticas mafiosas. Segundo a propia policía nos últimos 3 anos matou a 7.000 persoas. A Comisión de Dereitos Humanos da ONU eleva esta cifra a 30.000 mortos. Esta situación foi denunciada reiteradas veces por Amnistía Internacional e outras organizacións.
O BNG segue a demandar que se esclareza o acontecido e o motivo polo que Bello foi abatido a tiros. Segundo os nacionalista a versión da policía filipina “non se sostén e está chea de incongruencias”.