congreso

BNG exixe que, coa entrada dos AVRIL, haxa unha mellor planificación e a mellora dos servizos ferroviarios na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego demanda estabelecer servizos e frecuencias que permitan conectar e vertebrar internamente o territorio galego, mellorando a conexión entre cidades e vilas

Alén do anuncio de Renfe de billetes a 18€, o BNG reclama ao Ministerio de Transporte adoptar unha política tarifaria atraente e asumíbel para as maiorías sociais

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas para reclamar unha planificación efectiva e unha programación das frecuencias e servizos dos trens AVRIL a Galiza, así como unha política tarifaria para as maiorías sociais. Diante da próxima entrada en funcionamento dos novos trens, a organización nacionalista pide servizos e frecuencias que permitan ofrecer á cidadanía galega conexións entre as principais vilas e cidades.

Após case tres anos e despois de varios anuncios errados, a entrada en funcionamento dos trens AVRIL está máis preto. De facto, o Ministerio de Transportes confirmou que neste 18 de abril se iniciará a venda de billetes deste servizos para os trens a partir do 21 de maio. Así mesmo, Renfe acaba de anunciar venda de billetes por 18 euros.

“Porén, aínda non temos información sobre a planificación dos servizos e das frecuencias. Renfe  só avanzou que haberá dous servizos ao día na conexión Vigo-Pontevedra-Vilagarcía-Santiago-Ourense-Madrid e outra de volta” sinala o deputado do BNG, Néstor Rego. Neste sentido, o BNG lembra que leva meses solicitando a planificación dos trens Avril e, independentemente de problemas temporais, “é de supor que Renfe contará cunha previsión de servizos a prestar cos novos trens”.

“Renfe está a comunicar con pouco tempo de antelación os novos servizos para a Galiza, o que preocupa os usuarios e usuarias. Sería pertinente que informase con tempo da programación horaria dos Avril, das frecuencias, dos prezos e da súa utilidade para o conexión interna no territorio galego a fin de mellorar a cohesión territorial e as comunicacións por tren” subliña Rego.

Novos servizos ferroviarios que permitan vertebrar Galiza

A organización nacionalista ve, coa entrada e posta en funcionamento dos novos trens AVRIL, unha oportunidade para ofrecer novos servizos ferroviarios que permitan unha vertebración interna dos servizos ferroviarios dentro da Galiza. “Demandamos ao Ministerio de Transporte que aproveite este feito para incrementar os servizos ferroviarios na Galiza xa que o tren está tendo un uso crecente na mobilidade diaria, mais entendemos que podería ser aínda maior” enfatiza o deputado do BNG.

Así mesmo, o BNG reclama a RENFE e ao Ministerio de Transportes aplicar unha política tarifaria atraente e asumíbel para as maiorías sociais. “Os anuncios de RENFE en relación á venda de billetes por 18€ non arranxa moito se é so promocional e temporal e menos aínda os prezos abusivos que está a manter a compañía ferroviaria nos Alvia. Esta é unha oportunidade para ofrecer prezos asumíbeis” conclúe.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG