O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda de forma urxente desbloquear a tramitación da transferencia da Autoestrada AP-9 á Galiza no Congreso. A organización nacionalista insta as forzas políticas con representación na Mesa do Congreso -PP, PSOE e Sumar- a aprobar, de maneira inmediata, o remate do prazo para a presentación de emendas e permitir, deste xeito, que a proposición de lei continúe a súa tramitación. O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia que por décimo oitava vez o organismo da cámara baixa pospón os prazos e dilata máis no tempo a transferencia desta infraestrutura.
O BNG recorda que a transferencia da AP-9 é unha demanda amplamente apoiada pola sociedade galega e polo propio Parlamento de Galiza, que aprobou reiteradamente -até en cinco ocasións- esta reclamación. Con todo, o proceso para a súa transferencia sufriu de varios impedimentos debido ás manobras dilatorias dos grandes partidos estatais, que bloquean sistematicamente a súa tramitación.
Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama a responsabilidade das forzas políticas con representación na Mesa do Congreso -PP, PSOE e Sumar- para que aproben a data límite para a presentación de emendas e solicítalles que se absteñan de presentar emendas porque suporían un atraso innecesario e unha deslealdade cara ao Parlamento de Galiza. "O tempo de demoras e escusas xa rematou. Se hai vontade política real, a transferencia pode ser unha realidade en breve. O pobo galego non pode seguir pagando as consecuencias deste bloqueo" sinala Rego.
O BNG subliña que a xestión galega da AP-9 permitiría unha mellor administración da infraestrutura. A organización nacionalista alerta de que seguir prolongando esta situación supón unha clara discriminación para a Galiza en comparación con outras comunidades que xa recibiron competencias en materia de infraestruturas viarias.
Por todo isto, o BNG reitera a súa chamada á responsabilidade dos grupos con representación na Mesa do Congreso para que permitan que a proposición de lei continúe o seu curso e faga efectiva a transferencia da AP-9 canto antes.