O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara baixa sobre a dotación para a Galiza e a posta en funcionamento dos novos trens AVRIL comprometidos polo Goberno do Estado. A organización nacionalista reclama axilizar a supervisión dos trens por parte da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria e a verificación de cada unha das trinta unidades. Neste sentido, reitera a necesidade de que o Ministerio de Transportes concrete un calendario para a realización da supervisión e a posta en funcionamento, así como determinar cantas unidades se destinarán á Galiza.
Concluídas as probas de homologación en vía dos novos trens Talgo Avril encargados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, queda pendente a supervisión da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria. Os trens Avril, que mellorarán os tempos de viaxe nas comunicacións da Galiza, precisan desta última supervisión para que poidan prestar o servizo e verificar cada unha das unidades, que ascenden a trinta.
Cabe lembrar que o Bloque Nacionalista Galego ten rexistrado diversas iniciativas por este asunto no Congreso desde que o Goberno do Estado anunciou o encargo para a construción destas novas unidades. “Mais, o Ministerio de Transportes non cumpriu cos prazos anunciados en reiteradas ocasións e vemos como, a pesares de ter incumprido as datas para a súa posta en funcionamento, négase a estabelecer un calendario para os trámites que aínda fican pendentes por realizar” sinala o deputado do BNG. A organización nacionalista entende que este último procedemento, que a AESF e a ERA validen a documentación, é relativamente rápido en comparación aos anteriores.
“Demandamos o transparencia por parte do Ministerio, tanto para coñecer cando se iniciará a supervisión por parte da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria e o tempo que durará a realización da mesma, como para saber a data para a posta en funcionamento dos trens” afirma. Néstor Rego, engade nas súas iniciativas, unha nova petición para coñecer a data que manexa o Ministerio para a posta en funcionamento destes trens e, polo tanto, a mellora dos servizos.
Máis recursos son máis servizos
“O baile de cifras non serve de nada. O Ministerio de Transportes debe aclarar cantas unidades deste tren serán destinados ao servizo ferroviario na Galiza e, polo tanto, se aposta por un modo de transporte eficaz, eficiente e sustentábel para a cidadanía galega” reivindica Rego. A organización nacionalista entende que o sistema ferroviario galego precisa de máis recursos –materiais e tamén humanos- para prestar un servizo de calidade á cidadanía.
Na actualidade, as liñas ferroviarias, sobre todo a do Eixo Atlántico e a do AVANT Ourense-A Coruña, non ofrecen todos o servizos que poderían “de ter os recursos materiais e humanos suficientes”. Aos retrasos cronificados das liñas, incide Rego, súmaselle a escasa oferta de frecuencias, provocando que centos de potenciais persoas usuarias empreguen o seu vehículo particular. “Se o Goberno destina máis trens Avril para a Galiza, o servizo ferroviario podería mellorar, aumentando a oferta de frecuencias” conclúe.