congreso

BNG exixe ao Ministerio de Transportes medidas para mellorar a seguranza vial na N-640 pola estrada e urxe ao impulso da variante

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego presentou varias preguntas no Congreso após de lamentar outro atropelo mortal o pasado 22 de agosto

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, dirixíuse ao Ministerio de Transportes, mediante varias preguntas parlamentares, para demandarlle a adopción de medidas de reforzo da seguranza vial na N-640 ao seu paso polo concello da Estrada, e úrxelle a impulsar a Variante, una infraestructura viaria necesaria para desviar tráfico do centro da localidade e rebaixar a sinistralidade.

Reforzar a seguranza vial para evitar accidentes

Nas iniciativas presentadas na Cámara Baixa, Rego alude ao último accidente mortal ocorrido o pasado 22 de agosto cando un veciño morría atropelado por unha furgoneta nun paso de peóns na Avenida Benito Vigo, no núcleo urbano da Estrada. A N-640 reviste un alto grao de perigosidade tanto ao seu paso polo núcleo do concello estradense como ao longo de 27 quilómetros en Matalobos, Lagartóns, Ponte Liñares, O Sol, e O Foxo.

O deputado nacionalista lembra o traballo do BNG a prol do reforzo da seguranza vial nesta estrada, onde son reiterados os atropelos a viandantes, algúns deles mortais. “Témolo denunciado en moitas ocasións:  a N-640 decorre zonas densamente habitadas que non contan cos mínimos elementos de seguranza vial como pasos de peóns, semáforos ou sinalizacións. Precisamente o pasado ano, nunha resposta a este deputado, o Ministerio amosou o seu dispór a analizar o tramo e ver de melloralo pero nada se fixo. Poñer freo á sinistralidade vial nesta zona constitúe unha demanda social e política que é hora de atender. É unha cuestión de vontade política posto que non implica levar a cabo grandes investimentos”, subliña Rego.

A construción da Variante: a solución para desviar o tráfico do centro

Á marxe de medidas inmediatas como as enumeradas, considera o deputado do BNG que a solución pasa por diminuir o tráfico polo centro da localidade, impulsando a construción da Variante, “unha infraestrutura viaria fundamental para aliviar de tráfico o núcleo urbano, reducir a sinistralidade e mellorar a circulación. Un proxecto que leva 20 anos dando voltas, con trámites que se inician e se paran, sen dotacións orzamentarias durante varios exercicios, e unha desidia política que denota falla de compromiso”, afirma Rego.

Néstor Rego lembra que o achado dos restos arqueolóxicos do castro de Aguións supuxo un freo lóxico xa que houbo que facer novos estudos e modificar o proxecto. “Porén, pasaron sete anos e sumiuse nunha total paralización”, salienta o deputado do BNG, quen destaca que para este ano 2023 tan só se consignou unha partida cativa de medio millón de euros para trámites.  “Coidamos que son tempos de sacar este proxecto viario do limbo e poñelo en marcha”.

Razón pola que pregunta ao Ministerio en qué fase se atopa a Variante da Estrada. Quer saber se se executou a partida consignada para este exercicio, cal é o calendario de tramitación e qué previsións manexa para a súa execución. O deputado do BNG reclama axilización para que a Variante sexa unha realidade.  

Arranxar o cruce da N-640 coa estrada PO-2016.

Por último e noutra iniciativa, o parlamentar nacionalista empraza ao Ministerio a solventar os problemas de acceso desde a N-640 á estrada provincial PO-2016 para os veciños que precisan ir ás parroquia de Guimarei, Cerixo e Vinseiro. “Só é accesíbel para quen circula en direción a Lalín. A imposibilidad de xirar no cruce obriga a ter que facer un rodeo para poder cambiar de sentido. Un problema que se pode arranxar mediante a construción dunha rotonda ou cambiando o acceso á PO-2016”, indica Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG