BNG exixe ao Goberno rectificar e incluír os trens AVANT Ourense-A Coruña nas bonificacións de 100% anunciadas

Estación Ourense
Estación Ourense

Rego defende a necesidade de implantar o servizo de cercanías ferroviarias nas áreas metropolitanas da Galiza: “Só falta vontade política, xa existen infraestruturas”

Noa Presas: “Apelamos a que o PSOE de Ourense se ocupe menos de intentar atacar os cargos institucionais do BNG e se ocupe máis de facer que os seus en Madrid cumpran con Ourense”

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado que rectifique a súa decisión de deixar fóra das bonificacións de 100% o servizo ferroviario Avant media distancia que conecta as cidades de Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto coa Deputada no Parlamento da Galiza Noa Presas e o voceiro municipal Luís Seara, reclama en Ourense a implantación do servizo de cercanías nas principais áreas metropolitanas, así como mellorar as frecuencias e horarios actuais e aplicar unha política tarifaria atractiva que promova o uso deste transporte colectivo en detrimento do vehículo particular. Alerta que, de non modificar a política ferroviaria desenvolta no País, a Galiza verase duplamente prexudicada: “por un lado, por carecer do servizo de cercanías e, por outro lado, que tampouco se poida aproveitar esa bonificación no servizos de media distancia Avant.

Entre as medidas anunciadas a semana pasada polo Presidente do Goberno atopábase a bonificación de 100% dos abonos do servizo de cercanías e media distancia co obxectivo de promover o uso do transporte público. Durante o debate, o deputado nacionalista avanzaba que ningún galego se beneficiaría das bonificacións no servizo de cercanías porque na Galiza non existen as cercanías ferroviarias. “É incríbel que a estas alturas a Galiza sexa practicamente a única comunidade do Estado español que non ten este tipo de servizos en ningunha das áreas metropolitanas” recrimina.

Para ser exactos, a única vía que o Goberno considera como servizo de cercanías é o pequeno tramo que conecta Ferrol e Ortigueira, a rede de ancho métrico que tradicionalmente coñecemos como FEVE, mais esta liña está “absolutamente deteriorada e, por tanto, ten moi poucos usuarios” e mesmo non é fiábel, descoñecendo os viaxeiros e viaxeiras se o tren cumprirá cos horarios de saída e chegada ao destino.

Así, nesta medida anunciada queda fora o servizo de media distancia Avant que conecta as cidade de Ourense, Santiago e A Coruña. “Parécenos unha burla que o servizo de media distancia Ourense-Santiago-A Coruña quede fóra das bonificacións anunciadas polo Goberno” denuncia o deputado do BNG. Usan como xustificación que esta medida só está orientada a persoas que utilizan o ferrocarril “de maneira habitual para os seus desprazamentos habituais ou doutro tipo” función que cumpre maioritariamente o servizo de media distancia Avant: “para que cree o Ministerio de Transportes que as persoas de Ourense collen habitualmente o tren en Santiago se non é por razóns laborais ou de estudos?”

“Non hai ningunha xustificación para que a Galiza se vexa duplamente discriminada: por un lado, por carecer do servizo de cercanías e, por outro, pon non poder aproveitar esa bonificación nos servizos de media distancia Avant, aínda sendo conscientes de que os servizos convencionais son claramente precarios e están suscitando as protestas e as críticas dos usuarios e usuarias habituais por teren horarios inadecuados, poucas frecuencias e uns prezos excesivos” apunta o deputado do BNG.

Rego reclama ao Goberno do Estado que mude a política ferroviaria co noso País e demanda reconsiderar “que os servizos de media distancia Avant non vaian poderse beneficiar desa bonificación de 100% para os usuarios habituais”. De non rectificar esta decisión, o deputado nacionalista adianta que o Goberno estará prexudicando a moitas persoas usuarias do ferrocarril na Galiza e, ademais, non se estará conseguindo o obxectivo de promover o uso deste tipo de transporte colectivo como medio habitual.

“A mellor maneira de promovelo non é con bonificacións de catro meses se non favorecendo uns bos servizos ao longo de todo o ano” conclúe o deputado do BNG. Neste sentido, Rego urxe o Goberno do Estado implantar o servizo de cercanías ferroviarias nas principais cidades e áreas metropolitanas do País porque, existindo as infraestruturas necesarias, só falta vontade política para aplicar “liñas e frecuencias axeitadas e axustadas á realidade das persoas usuarias, así como unha política tarifaria atractiva”.  

PSOE incumpre e discrimina a Ourense

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, lembrou que existen acordos aprobados pola unanimidade da cámara galega para pedir un aumento das frecuencias e un abaratamento. “Vimos como primeiro subiu o prezo o PP e logo o goberno do PSOE. Agora o que vemos é que Ourense fica sempre esquecida” afirma Presas.

En consonancia co traballo realizado até o de agora pola frente nacionalista, a deputada avanza que seguirá traballando para que as bonificacións sexan desfrutadas polas persoas usuarias de Ourense e nas cuestións pendentes como a reposición das liñas, o aumento das frecuencias ou o abaratamento dos prezos. “Apelamos a que o PSOE de Ourense se ocupe menos de intentar atacar os cargos institucionais do BNG e se ocupe máis de facer que os seus en Madrid cumpran con Ourense” sinala.

Paralelamente, o voceiro municipal do BNG e candidato á alcaldía, Luis Seara, comprométese a defender os intereses das ourensás e ourensáns ao Goberno do Estado frente ao desgoberno existente hoxe no municipio. “Defendemos que o AVE entre pegado á rúa Arnoia, que se saquen as mercadorías do actual emprazamento –demanda tamén dos empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao- e liberar máis de 100.00 metros cadrados e pólos a disposición do conxunto da cidadanía” destaca. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG