BNG esixiu á Xunta no Parlamento galego que exerza as súas competencias para garantir a aprobación sen máis demora do Plan Especial de Ordenación do Porto Santo Tomé-Tragove de Cambados co obxectivo de preservar as actividades produtivas sustentables vinculadas ao mar e as infraestruturas consolidadas no dominio público portuario do municipio.
Neste sentido, tamén reclamou ao Executivo galego que inicie de inmediato o procedemento entre o concello e Portos de Galiza para atender a petición aprobada polo pleno municipal de 2016, a iniciativa do Bloque, solicitando a transferencia da titularidade dos espazos de dominio público portuario que non teñan uso portuario e que están inseridos na trama urbana, desenvolvendo un papel fundamental na actividade da vila.
Nunha pregunta parlamentaria, a deputada nacionalista Montserrat Prado advertiu que infraestruturas fundamentais para Cambados “non poden estar comprometidas pola acción combinada de Xunta e Goberno de Madrid” e recriminou ao Executivo do PP que “está ben que caera do cabalo camiño de Damasco e agora diga que hai que ter competencias cando leva 13 anos sen demandar ningunha e sen exercer as que ten”. “Para ter esas competencias ten que actuar como Goberno galego: demandalas, esixilas e exercelas”, reprochou, para recalcar tamén a continuación que “xa está ben de que desde Madrid queiran gobernar a nosa costa e que o pretendan facer como se fora igual que o Mediterráneo”.
Prado referiuse así ao informe emitido pola Dirección Xeral de Costas e do Mar (dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico) en relación coa tramitación da reforma do Plan Especial de Ordenación do Porto Santo Tomé-Tragove, necesario para poder realizar a remodelación e ampliación da praza de abastos, e no que se cuestiona a continuidade, rematado o período de concesión, de determinadas edificacións asentadas en dominio público portuario, tal é o caso da propia praza de abastos, mais tamén do centro de saúde, a estación de autobuses, o parque infantil, depuradoras de marisco ou establecementos comerciais.
A deputada do Bloque considerou “máis que xustificada” a alarma xerada entre o sector do mar-industria e a veciñanza e incidiu en que o informe establece que os terreos incluídos no Plan Especial de Ordenación do Porto de Santo Tomé-Tragove son bens de dominio público marítimo-terrestre transferidos e adscritos a Galiza, baixo a competencia de Portos de Galiza, é dicir, “competencia da Xunta”.
“Déixense de titulares e exerzan de Goberno de Galiza”, esixiu, logo de subliñar que o informe pon en evidencia as consecuencias da aprobación do artigo 20 da Lei de Cambio Climático, que supuxo unha modificación da Lei de Costas no referido á vixencia das concesións administrativas asentadas á beira do mar.
“Un artigo lesivo para os intereses sociais e económicos de Galiza, xa que afecta a toda unha serie de actividades do complexo mar-industria sustentábeis, respectuosas co medio ambiente e que xeran moita actividade económica e postos de traballo”, advertiu Prado, quen reprobou ao PP que non se sumara ás emendas e transaccións presentadas polo BNG para que as actividades relacionadas coa actividade pesqueira e marisqueira que precisan estar na costa ficaran excluídas das previsións desta Lei.
Segundo recalcou, estas son as consecuencias de que Galiza non teña todas as competencias en relación coa costa e o dominio público marítimo-terrestre, “competencias que o PP non demandou en 13 anos”, polo que concluíu instando á Xunta a reclamar a transferencia das competencias en materia de costas, tanto as normativas para aprobar unha lei galega de protección do litoral adaptadas á realidade galega, como as de intervención e xestión.