Parlamento Galego

O BNG denuncia no Parlamento a “nefasta” xestión de residuos da empresa TEN na mina de Touro

Iria Carreira, Mini Rivas e Xoán Louzao
Iria Carreira, Mini Rivas e Xoán Louzao
Exixe a Industria e Medio Ambiente cumprir os seus compromisos para unha restauración rigorosa 

 O deputado do BNG,  Xosé Luís Rivas advirte de efectos na saúde e no medio ambiente por  “cheiros pestilentes”  e demanda da Xunta e do concello medidas urxentes contra a contaminación

Xoán Louzao asegura que non existe ningún control da procedencia nin  composición dos residuos e alerta dos perigos de converter a mina de Touro nun vertedoiro

O BNG leva ao Parlamento galego a xestión de residuos da empresa  de  Tratamentos Ecolóxicos del Noroeste (TEN),  nos terreos da antiga mina de Touro  que esta a provocar “un grave problema” na  poboación afectada por  cheiros “pestilentes” continuos  e a utilización de máis de 600 hectáreas como depósito incontrolado  de residuos.

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas acompañado do portavoz municipal en Touro, Xoán Louzao e a deputada, Iría Carreira, recalcou  que os terreos están a ser utilizados para almacenar residuos autorizados pero tamén un gran número  do que se descoñece a  súa procedencia. Rivas lembrou os “compromisos públicos” do conselleiro de Industria, Francisco Conde e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez tras ser denegada a autorización medioambiental para a nova explotación da Mina de Touro. Estes compromisos, reitera o nacionalista, “deben cumprirse” e exixir  á empresa “un plan de restauración do espazo mineiro”.

Por outra banda, lembrou que a titular de Medio Ambiente tamén se comprometeu en campaña electoral a iniciar medidas contra os  “cheiros pestilentes”. Rivas pide que a Xunta cumpra os seus compromisos e unha maior implicación do concello de Touro ante unha situación denunciada dende hai anos polo BNG no propio concello. Estamos ante un problema de “saúde pública e calidade ambiental” pero tamén do futuro de vida da poboación de Touro, aseverou.

Hai que impedir que a  mina de Touro sexa un  vertedoiro

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG no concello de Touro, Xoán Louzao denunciou  que a xestión de residuos urbanos e residuos non perigosos lonxe de cumprir o seu cometido está sendo utilizada pola empresa TEM para converter a mina de Touro “nun vertedoiro” cun grave problema de contaminación e sen ningunha resposta por parte da Xunta de do concello.

A empresa, engadiu Louzao, xestiona os residuos de Galiza pero tamén unha grande cantidade procedente de fóra cun continuo tráfico de camións con residuos  “sen catalogar como urbanos ou non perigosos”. “A pestilencia” é insoportable e resulta un grave problema para a saúde pública mentres a administración sigue “mirando para outro lado”.

Durante o verán os cheiros intensifícanse pola dirección do vento e a propia  empresa recoñece que existe este grave problema. O portavoz nacionalista botou man dun informe da Generalitat como referencia para medir a contaminación odorífera que reflicte que a contaminación no aire prodúcese coa concentración de 10 unidades odoríferas por metro cúbico, na mina Touro, segundo a propia empresa TEN, dixo Xoán Louzou, existen entre 3.000 e 13.000 unidades  que nalgúns casos chega a 776 mil . Tamén é considerada contaminación no aire un  cheiro que  dura máis de 27 minutos ao día, en Touro pode durar “ un día, oito días ou máis” como reflicten os datos da empresa.

A Xunta e o concello deben reaccionar e poñer en marcha medidas  urxentes co  control continuo dos  cheiros e depósitos dos residuos en lugares inadecuados. Dende o BNG reclamamos ao novo goberno que exixa á empresa   un plan de restauración “rigoroso”.    

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG