A deputada do BNG, Iria Carreira trasladou unha pregunta parlamentaria ao goberno ante as denuncias das organizacións LGBT polos casos de inseguridade que están a vivir as persoas non “cisheteronomativas” nos centros educativos.
A nacionalista afirmou que os plans e protocolos para evitar a LGBTbofia “non son válidos” ao que sumou a insuficiente formación que recibe o alumnado galego en materia de igualdade. Neste sentido, preguntou porque o Goberno galego négase a incorporar un plan de educación “sexo-afectiva” dentro da ensinanza obrigatoria que abranga ao conxunto do alumnado e adaptado a cada unha das etapas educativas.
A deputada tamén se interesou polas recomendacións do Foro de Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega e se serán estimadas polo goberno porque recolle a “Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galiza”, así como diversas propostas e recomendacións para avanzar en igualdade e recoñecemento da diversidade.
Este informe, recalcou a nacionalista, advirte dunha situación preocupante en moitas áreas, e quizais unha das máis graves sexa “a educación”, onde o 88% das entidades e colectivos LGBT galegos considera que os centros educativos non son “espazos seguros para as persoas LGBT”.
Pero de que falamos cando dicimos que os centros educativos no noso País non son espazos seguros? Pois por exemplo, dixo, dun IES de Tui que ameaza con expulsar a alumnos si van a clase con saia.
Outro dos grandes problemas, engadiu é “a invisibilización”. A realidade LGBT está excluída de formularios e documentación administrativa, de todo tipo de comunicacións cara as familias, do currículo escolar e das imaxes que ilustran calquera tipo de documento. “Hai adolescentes e crianzas que están a sufrir illamento, soidade, problemas de saúde mental (alta correlación con depresión, trastornos da conduta alimentaria e suicidio), e bullying” como aconteceu en Ourense cun caso de acoso escolar con intento de suicidio.
Non é a primeira vez que constatamos que a escola non é un espazo seguro para as persoas LGBT. Existe un problema grave, primeiro a nivel do respecto aos dereitos humanos de toda a comunidade educativa e as aprendizaxes que disto se derivan, tamén fóra das aulas.
Na súa intervención, Carreira aludiu ao estudo da FELGTB (2019) no que “Jóvenes trans en el sistema educativo” sinala que o abandono escolar por motivo de transfobia é un dos condicionantes que caracterizan a situación de exclusión do mundo laboral de persoas trans adultas, ao presentar unhas cifras de remate da etapa de educación secundaria obrigatoria que resultan 17 puntos menor que á da poboación xeral.
“Non se está a realizar unha formación sobre atención á diversidade de xénero e orientación sexual nos mestrados de profesorado ofertados no SUG, e o alumnado dos mestrados remata a súa formación con carencias moi preocupantes neste aspecto que supón ademais que non se cumpra a Lei 2/2014”.
Desde o BNG impulsamos un acordo hai uns meses para elaborar un plan de formación en materia LGBT, de carácter obrigatorio para todo o persoal traballador público, en especial do que atende á cidadanía en situacións de vulnerabilidade, no que se inclúe a comunidade educativa. Que avances se teñen dado para dar cumprimento a este acordo? preguntou.
A situación que se está a dar nos centros de ensino é “extremadamente grave” recalcou a deputada e informe do CCG recolle que o 64,5 % do alumnado de secundaria presenciou nas clases de Educación Física comportamentos homofóbicos entre o propio alumnado, “chegando a sufrilo en primeira persoa en moitas ocasións”, remarcou.
O BNG propón un plan de educación afectivo-sexual nas aulas
Desde o BNG levamos tempo reclamando que se deseñe un plan para implantar a educación afectivo-sexual nas aulas, obrigatorio para todo o alumnado, e cunha perspectiva científica e integradora, que permita coñecer a sexualidade humana e a natureza das relacións interpersoais, mais tamén que eduque en liberdade, combatendo o machismo e a LGBTfobia desde o máis básico.
Pola súa parte, a directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández Novoa asegurou que moitas das recomendacións recollidas no informe do Consello da Cultura galega xa foron postas en marcha ao que a nacionalista retrucou que de ser efectivas non seguirían producíndose na actualidade casos e denuncias ante a desprotección das persoas LGBT nos centros educativos.
Carreira rematou a súa intervención poñendo o foco nunha política real que respecte a igualdade e diversidade e volveu a reclamar a formación necesaria dos docentes nesta materia e un plan de “educación afectivo sexual nas aulas”.