parlamento galego

BNG denuncia “explosión, descontrol e colapso” das vivendas de uso turístico e receita “planificación, control e equilibrio”

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

“Salvemos o turismo salvando primeiro aos veciños e os seus dereitos”, advirte Alexandra Fernández na defensa das propostas do Bloque para ordenar as VUT

Advirte do impacto negativo que este tipo de inmobles está a ter xa nas cidades e nalgunhas vilas galegas sobre a oferta e os prezos nos inmobles residenciais

A deputada do BNG Alexandra Fernández advertiu no Pleno do Parlamento do impacto negativo que están a ter xa “a explosión, o descontrol e o colapso” das vivendas de uso turístico nas cidades e nalgunhas vilas galegas, sobre todo do litoral, e receitou “planificación, control e equilibrio” nunha iniciativa cuxo lema sería, dixo, “salvemos o turismo, salvando primeiro aos veciños e os seus dereitos”.

Alexandra Fernández defendeu no Pleno unha proposición non del lei coas medidas que propón o Bloque para ordenar un sector que nos últimos anos ten crecido de maneira brusca, até o punto de que en apenas seis anos este tipo de vivendas incrementáronse nun 3.700 %. No 2017 había apenas unhas 500 rexistradas e hoxe son xa unhas 20.500, expuxo.

“Onde hai unha vivenda de uso turístico, antes había unha residencia; onde hai un turista, antes había un veciño”, asegurou para referirse a un dos efectos non desexados da “explosión” de VUT, “moi concentrada en enclaves turísticos específicos”, como as Rías Baixas, onde se localiza o 27 % da oferta total en Galiza. Só Sanxenxo, argumentou, alberga o 14 % das prazas, e Vigo e A Coruña suman máis de 2.200 VUT.      

O aumento desta modalidade de turismo  “vinculada á uberización da economía”, non foi acompañada de medidas de ordenación e a maioría de concellos non dispoñen de ordenanzas específicas que as regulen.  “E se as teñen non poden aplicalas”  porque a Xunta “permite a inscrición de todas as VUT aínda que non cumpran coas normas urbanísticas que determinan os concellos”, criticou.

Na súa diagnose, subliñou tamén o impacto que as vivendas de uso turístico están a ter na menor oferta e no incremento de prezos dos inmobles residenciais, até o unto de “colapsar “ a accesibilidade á vivenda e a propia “sensación de pertenza dos veciños sobre o lugar que habitan”, “creando unha percepción de indefensión, de ser substituídos e de ser cidadáns de segunda fronte a unha industria turística que algúns gobernos se negan a ordenar”.

A influenza no modelo turístico é, precisamente, outro dos perigos das VUT subliñados pola deputada nacionalista, quen apuntou neste sentido que a presión e expulsión da poboación residente remata por segregar os centros das cidades e vilas, converténdoos en “zonas tematizadas” e, a longo prazo, en “contornas turísticas pobres, carentes de vida cotiá, de memoria, de complexidade e de interese”.

O BNG considera imprescindible a planificación do sector, e por iso unha das propostas que defendeu Alexandra Fernández é modificar a normativa actual para que a Xunta, antes de formalizar o seu rexistro, esixa as VUT o correspondente título habilitante municipal para o exercicio da actividade. “A Xunta ten que ser aliado dos concellos para facer cumprir as normas urbanísticas e non cómplice de quen pretende saltalas”, asegurou.

No mesmo sentido, avogou por revisar o actual censo “deturpado” (con vivendas sen o título habilitante) e esixiu un maior control, inspeccións e sancións a aquelas VUT que incumpran a legalidade ou as obrigas fiscais.

Ademais de estudos sobre “un dos fenómenos que máis impacto teñen no mercado inmobiliario” e sobre os seus efectos no modelo turístico e a súa estrutura económica, o BNG propuxo unha nova regulación das VUT que, entre outras cuestións, estableza un tratamento diferenciado entre pequenos propietarios “para os que esta actividade se encadra na economía colaborativa”  e “o uso que están facendo grandes capitais de investimento desta fórmula de economía uberizada para encubrir unha actividade económica cun impacto e unhas dimensións que nada teñen que ver”.

“A situación de colapso non soporta máis dilacións nas respostas. Teñan altura de miras e asuman a necesidade de ordenar, planificar e controlas as VUT”, concluíu Alexandra Fernández a súa intervención en defensa da PNL do Bloque.   

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG