A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou no Parlamento Europeo o grave problema de acceso á vivenda, coa suba progresiva das taxas por parte do Banco Central Europeo e a incapacidade do Partido Popular de crear vivenda pública en Galiza, de forma que o problema co que se atopan as familias “é cada vez máis grave”.
“O problema gravísimo que está vivindo moitas familias co aumento das taxas de xuros é un problema que afecta a moitos territorios como o meu, Galiza, onde os salarios baixan e o prezo dos produtos básicos son cada vez máis altos”, explicou Miranda na Eurocámara, ao tempo que denunciou que as familias están “afogadas polos pagos aos bancos” de forma que os pagos supoñen unha parte importante do salario familiar.
Neste sentido a eurodeputada nacionalista explicou que o aumento do euríbor, índice de referencia para quen ten unha hipoteca de tipo variable, fixo que diminúan os contratos novos para a compra de vivenda, as hipotecas. En concreto, en Galiza, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas en Galicia diminuíu arredor dun 38,2 % en setembro de 2023 en relación ao mesmo mes de 2022.
Propostas fronte a parálise
“Que non nos engane a Señora Lagarde, que non nos enganen os bancos, que non nos enganen os cómplices dos bancos, como o Partido Popular no meu país, co señor Rueda á cabeza, que foi incapaz de facer vivenda pública para facer fronte a esta problemática”, manifestou. Entre 2014 e 2017 o goberno galego non construíu ningunha vivenda pública en alugueiro e no 2018 só construíu unha vivenda de protección para aluguer, o cal indica que o Partido Popular carece de proxecto de xestión de vivenda pública. Precisamente a vivenda pública en Europa representa un 9,3% do total, mentres que en Galiza é menos do 1%.
“Agardo que isto cambie a partir do 18 de febreiro”, subliñou Ana Miranda, xa que para resolver esta situación, o Bloque propón poñer a disposición dos galegos e das galegas 12.000 vivendas públicas en réxime de aluguer a prezo limitado mediante a adquisición de inmobles xa construídos, e a súa eventual reforma. Esta medida permitirá dar resposta á emerxencia social no acceso á vivenda tendo en conta Galiza ten 500.000 vivendas baleiras, 90.000 nas grandes cidades.