O BNG levou ao Pleno do Parlamento a situación do Hospital Público de Valdeorras, con numerosos servizos precarizados por mor da ausencia de prazas convocadas e o escurantismo do Goberno do PP respecto do número de prazas orzamentadas de persoal facultativo, persoal de enfermaría e non sanitario do hospital.
“A crúa e triste realidade é que vostedes teñen sumida á poboación do distrito sanitario de Valdeorras nunha desatención hospitalaria crónica que non queren ou non poden solucionar”, recriminou a deputada valdeorresa, María González Albert, que criticou a desatención dun Executivo do PP que non informa sobre cando vai convocar prazas como a de xefe de servizo de Medicina Interna, xefe ou xefa de servizo de Cirurxía interna e que “até fai catro días tiña dez facultativos, que agora anda polos sete e do que non se dan cuberto as gardas”, xa que do total de sete profesionais dous teñen exención e outros tres pedírona, sinalou.
O Hospital Público de Valdeorras está a padecer, criticou a deputada por Ourense, da inacción duns Populares que consenten que o seu servizo de Hematoloxía conte, a día de hoxe cunha única facultativa, “explíqueme como é posíbel que funcione así un hospital”, inquiriu. González Albert tamén mencionou a recente dimisión da responsable do distrito sanitario valdeorrés.
“Valdeorras merece e reclama unha atención sanitaria de calidade, de proximidade, e que atenda as necesidades dunha poboación envellecida e con patoloxías específicas que vostedes se negan a atender”, denunciou Albert, que advertiu de que se trataba da terceira vez que o BNG preguntaba ao conselleiro de Sanidade a este respecto “e que ten demostrado a súa incapacidade para solucionar este problema durante máis de dous anos. Se acaso agravala”, declarou.
Un Goberno do PP que, outra vez, volveu rexeitar aclarar cal será o futuro da atención e dos servizos do Hospital Público de Valdeorras, o cal forza á cidadanía valdeorresa a acoder a Ourense para ser atendida, coa correspondente distancia e custo. Outro complexo hospitalario, o ourensán, “que como sabe ben tamén conta cos seus propios problemas e que acepta de mala gana a pacientes derivados dos hospitais comarcais que saturan os seus servizos xa de por si precarizados”, concluíu a deputada do BNG.