A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a delegación do sur de Lugo desprazada a Bruxelas denunciaron en rolda de prensa a discriminación das comarcas do sur de Lugo. Segundo apuntou Miranda, padecen un problema estrutural e demográfico, “que debe ser paliado”, un problema económico, “xa que non se apoia os seus sectores”, un problema de accesibilidade, “pola falta de conexión da banda ancha que impide tamén o crecemento económico”, “e sobre todo teñen un problema de desleixo por parte do Partido Popular que abandona estas comarcas”.
“É moi importante recibir en Bruxelas ás nosas comarcas, a nosa xente, de todas as localidades, onde tanto traballades, porque é unha fonte de orgullo”, manifestou Ana Miranda dirixíndose á delegación galega desprazada á Eurocámara para participar onte na conferencia “Retos demográficos, económicos, sociais no sur de Lugo” e manter diversos encontros coa Comisións Europea, en concreto coa Dirección Xeral de Política Estrutural e coa Dirección Xeral de Agricultura, trasladando a discriminación que viven as comarcas do sur de Lugo, “que teñen que vir a Europa a defender as súas preocupacións”.
Segundo sinalou, Europa está dando mensaxes para combater o problema demográfico, para combater as cuestións relacionadas cos problemas económicos “e resulta que en Galiza non lles importa”. Ao respecto, explicou que, segundo acaba de saber, a Comisión Europea acaba de preguntar á Xunta de Galiza pola xestión das axudas á produción ecolóxicas grazas a pregunta presentada polo BNG o pasado 26 de decembro, “que senón non saberían do problema”. Na pregunta parlamentar poñíase en coñecemento da Comisión que no ano 2022, só foron presupostados en Galiza 3,18 millóns de euros en axudas, cando serían necesarios 5,6 millóns de euros para poder cubrir el total de solicitudes presentadas, o que deixou sen asistencia o 43% dlas hectáreas solicitadas.
Tirón de orellas desde Europa
Neste sentido, un dos afectados pola mala praxe da Xunta pola xestión das axudas da produción ecolóxica, Roi López Carmona, agradeceu a Ana Miranda a posibilidade de vir a Bruxelas en nome da Plataforma de Produtores de Ecolóxico de Galiza. “É triste que as altas instancias da Unión Europea nos reciban antes que o conselleiro”, salientou López en relación ao encontro que mantivo (xunto a Rosana Prieto e Xosé Lois Maceda) con Alfonso Gutiérrez, líder do equipo de coordinación no sector do viño da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. Explicou que a raíz da pregunta formulada por Ana Miranda ”fomos capaces de trasladar as inquedanzas e o pesar que temos no sector”, tras o desamparo que viven por parte da Xunta. “Teñen que vir desde Europa a tirar das orellas do conselleiro e o seu equipo de traballo polo que non é capaz de facer”, sinalou, ao tempo que asegurou que desde a Plataforma non van renunciar as axudas correspondentes a 2022.
A concelleira en Pantón e responsable comarcal do BNG, Rosana Prieto sinalou que os déficits estruturais-, son comúns ás comarcas representadas nas xornadas de traballo celebradas en Bruxelas, -Chantada, Monforte de Lemos e Quiroga-. “Si hai encaixe para a viticultura histórica e tradicional da Ribeira Sacra e incluso hai posibilidades que observan a nosa realidade de cultivo en pendente”, indicou, ao tempo que criticou que pese a ser unha paisaxe cultural e un ben de interese cultural como o declarou o goberno galego, “este non actúa en consecuencia”. “Queremos ter as mesmas oportunidades que ten outro produtor de Europa Comunitaria”, concluíu.
“Se Ana Miranda está, o BNG está neste centro neurálxico e tamén está a problemática do sur de Lugo”, asegurou pola súa banda o alcalde de Pobra Brollón, Xosé Lois Maceda, quen destacou que nas xornadas se conseguiron informacións produtivas e relevantes tanto no sector do viño como no ámbito da agricultura ecolóxica. “Tamén fomos quen de expresar neste centro de poder europeo os problemas das nosas comarcas, que son extensivos ao resto da Galiza interior”, manifestou. Neste mesmo sentido expresouse o portavoz municipal de Monforte, Emilio Sánchez, quen ademais recalcou que “non nos podemos resignar a continuar como até agora porque outras políticas son posibles sobre todo xestionando ben as axudas do plan FEDER”.