O BNG levou ao Parlamento a autorización que vén de dar o Executivo do PP para o vertido de residuos da empresa mineira de San Finx ao río Pesqueira sen a obrigatoria avaliación de impacto ambiental.
A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, trasladou a inquedanza da xente do mar da ría de Muros e Noia “e o conxunto da sociedade dunha comarca que está alarmada por esta autorización de Augas de Galiza”. Un permiso sobre do que xa advertira a propia Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Consellería de Industria, que textualmente recolle a necesidade “de que se teña aprobado un proxecto de explotación completo, avaliado ambientalmente e con todas as autorizacións necesarias para a súa execución”.
A día de hoxe estase a autorizar, denunciou a deputada do BNG, “600.000 metros cúbicos ao ano de augas residuais acumuladas nas galerías da mina sen avaliación de impacto ambiental”. Augas, detallou, con altas concentracións de cadmio, cobre e zinc, “que serán bombeadas ao río e que acabarán na ría”.
Esta autorización por parte do Goberno do PP, argumentou a portavoz de Pesca, é o paso previo á explotación futura dunha mina “que nunca se someteu á obrigatoria avaliación de impacto ambiental”, recriminou. Un informe que xa lle fora requirido á empresa antes do 2009 por parte do goberno bipartito cun prazo de 3 meses e que non presentou.
“O concello de Noia, co seu alcalde do PP á cabeza, o PP de Outes, as confrarías da ría e a sociedade da comarca no seu conxunto piden a suspensión desa autorización”, declarou a parlamentaria nacionalista, que criticou que esta decisión do Executivo do PP pon en risco ata “1.600 postos de traballo directos” co obxectivo de “favorecer a unha empresa amiga que vai contaminar e destruír aquí e levar os beneficios a outro lado”, concluíu.