Néstor Rego denunciou a aparición nos últimos días de aves cubertas dunha substancia oleaxinosa non identificada e dunha cor amarelenta. Moitas delas, debido á cantidade desa materia que as impregna, aparecen xa mortas na praia, pero outras, puideron ser rescatadas con vida, e trasladadas a un centro de recuperación de aves. “O número de aves que aparecen mortas está medrando de forma alarmante, e ampliase a zona de influencia desta contaminación de orixe descoñecida, sendo até o momento máis de 100 as aves mortas achadas” afirma o deputado.
O BNG insta o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto demográfico, a través da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, na que se integra a protección das Costas e o Mar, a tomar cartas no asunto e investigar a procedencia do vertido, así como establecer un plan de protección da fauna mariña que poida verse afectada polo mesmo.
O deputado nacionalista salienta que a atención a estas aves, e a súa recollida “está realizándose agora mesmo desde a sociedade civil a través de varias asociacións de ornitoloxía galega, e contando tamén coa colaboración de CENMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños)”, unha ONG galega dedicada o estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariñas en Galiza, “mais sen que polo momento as autoridades públicas se preocuparan en absoluto por este asunto”.
O BNG ve de forma preocupante a orixe descoñecida desta mancha oleaxinosa que afecta a unha zona tan extensa da costa. O que nun principio se podería achacar a unha limpeza de sentina de forma ilegal e cuxos residuos se verteran ao mar, queda descartada pola intensidade e a extensión da mesma, pois de deberse a algo así, a súa incidencia sería moito máis reducida.
Fotos cedidas por CEMMA (Alejandra).