BNG demanda uns prezos mínimos no sector pesqueiro que garantan uns ingresos sostibles para a xente do mar

Encontro Confraría Pesca Malpica
Encontro Confraría Pesca Malpica
Ana Miranda, Rosana Pérez, Daniel Pérez e Carmela González mantiveron encontros coas confrarías de Malpica, Fisterra e Muros

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, deputadas nacionalistas Rosana Pérez e Carmela González, -integrantes da Comisión de Pesca do Parlamento galego- e o deputado Daniel Pérez salientaron a necesidade de incrementar a defensa do sector pesqueiro galego nas diferentes institucións, ao tratarse dun sector estratéxico na economía do país que precisa “de todo o noso apoio”.

“A pesca artesanal e o marisqueo son actividades singulares e sustentábeis da nosa economía, que xera miles de postos de traballo directos e indirectos, polo que seguiremos presentando iniciativas que dean resposta as súas demandas”, salientaron durante a xuntanza que mantiveron na Confraría de Pescadores de Malpica, na que tamén participaron representantes do Bloque desta localidade. Esta visita enmárcase no percorrido realizado polas nacionalistas pola Costa da Morte, que deu comezo cos encontros na Confraría de Pescadores de Malpica e coa Federación Galega de Redeiras O Peirao, e continuou con encontros nas Confraría de Fisterra e de Muros.

Nos encontros coas confrarías, as nacionalistas respaldaron a proposta do sector para que na explotación mercantil dos recursos mariños sexan estabelecidos uns prezos mínimos para determinados produtos da pesca e o marisqueo, como xa é aplicado ás Organizacións de Produtores de Pesca-OPP e a tan demandada rebaixa do IVE do peixe. Estes dúas ferramentas permitirían garantir uns ingresos sostibles para toda a xente do mar.

Asemade, na reunión celebrada en Malpica tratouse dos problemas de seguridade do dique, situación que vai ser debatida no Parlamento de Galiza o vindeiro 19 de outubro.

Encontro Federación RedeirasIgualdade na pesca

Por outro lado, Ana Miranda, Rosana Pérez, Daniel Pérez e Carmela González mantiveron un encontro coa presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao, Verónica Veres, para coñecer polo miúdo os problemas do colectivo das 600 redeiras galegas, referidos en boa parte na súa loita a prol da igualdade no sector pesqueiro, o recoñecemento de doenzas profesionais propias do oficio de redeira, o coeficiente redutor e a loita contra o intrusismo.

“É necesario abordar a totalidade dos problemas do sector pesqueiro, do que en Galiza dependen miles de familias, porque o desleixo do goberno galego e estatal non fan máis que afondar nos nosos problemas económicos”, salientaron as nacionalistas. “Seguiremos traballando para dar a coñecer a situación da pesca galega e defender os intereses do sector”, subliñaron.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG