Congreso

O BNG demanda que se repare de inmediato a calzada entre A Pereira e o Faro Touriñán

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego sinala que se debe proceder á mellora do firme, a sinalizar adecuadamente e establecer todas as medidas necesarias para asegurar a seguridade das persoas usuarias, tanto condutores como viandantes.

O Bloque Nacionalista Galego exixe a Portos do Estado dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a reparación da citada vía entre A Pereira e o Faro Touriñán. Nestes momentos, esta calzada de pouco máis de 11 quilómetros, atópase nunhas condicións alarmantes, cun firme cheo de fochancas, algún de considerable tamaño, de cunetas cheas de vexetación que impiden unha visión adecuada, e cunha sinalización escasa ou case inexistente, pois tan só conta con algún sinal de advertencia de fauna salvaxe, mais sen límites de velocidade, nin sinais de aviso de curvas perigosas, ou outras necesaria para dotar de maior seguridade o seu recorrido, tanto para vehículos como para viandante.

O deputado sinala que ao redor dun “milleiro de persoas necesitan utilizar a diario a vía, pois dependen dela para realizar as súas xestións diarias. Actividades tan básicas como acudir o Hospital comarcal, a Facenda, á Seguridade Social, aos Xulgados ou o Rexistro da Propiedade, todos eles situados en Cee e Corcubión volvesen unha tarefa sumamente difícil debido o seu precario estado”. Tamén salienta que deben utilizar esta vía para chegar ás poboacións máis próximas onde realizar a compra diaria, para ir a traballar ou realizar trámites nos Concellos de Cee ou Muxía.

Néstor Rego destaca o valor turístico da zona e insta a Portos a realizar algunhas obras de mellora ou posta en valor do entorno do Faro de Touriñán acompañando a obra de reparación da vía de acceso ao mesmo desde A Pereira.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG