Após recibir a resposta do Goberno do Estado, o deputado do Bloque Nacionalista Galego rexistra unha nova batería de preguntas sobre a dilación da posta en marcha dos trens Avril na Galiza e coñecer as datas en que abrirá o servizo ferroviario. Néstor Rego demanda explicacións ante esta demora, mesmo se existen problemas co proceso de homologación, e insiste en que se concreten as unidades que se entregarán e conectarán as principais cidades do País. Así mesmo, pregunta sobre as accións que levará a cabo o Goberno polo incumprimento de contrato da empresa Talgo e se a denunciará, tal e como sinalou nos medios de comunicación.
No pasado mes de xuño, o Bloque Nacionalista Galego rexistraba no Congreso preguntas sobre a posta en marcha dos trens Avril na Galiza e o seu Plan de Homologación. Solicitaba, daquela, información detallada para coñecer a previsión marcada polo executivo para a fase de probas, o número de trens que circularían pola rede galega e a redución de tempo estimado nos viaxes entre as principais cidades do País, entre outras.
O deputado do BNG critica a resposta por escrito emitida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pola falta de transparencia do executivo. “En ningún momento, na resposta, se concreta o número de unidades das que se disporán, nin as datas concretas para a posta en marcha, nin o plan de homologación” enumera Rego. Neste sentido, sinala a necesidade de que o Ministerio “informe adecuadamente e con transparencia” de cales son os problemas, en que punto do proceso se atopa e mesmo detalle se hai problemas coa homologación.
“A resposta non pode ser máis esvaradía, tendo en conta a polémica suscitada nos medios de comunicación entre Renfe e Talgo polo atraso na entrega dos trens e as dúbidas xeradas sobre o proceso de homologación” destaca o deputado nacionalista. Por unha banda, Renfe responsabiliza a Talgo pola demora na entrega das trinta unidades de trens Avril que continúan co proceso de homologación. Pola súa banda, Talgo alega que a dilación se debe aos efectos da pandemia e remite dificultades para o desenvolvemento das probas para a homologación, das que responsabiliza a Adif e Renfe.
De facto, a organización nacionalista pregunta se o Ministerio finalmente denunciará á empresa Talgo por incumprimento de contrato, tal e como sinalou o MITMA ante os medios de comunicación.
“No medio deste lume cruzado están os intereses da Galiza que ve como se acumulan os atrasos respecto aos compromisos adquiridos en materia de renovación e modernización da frota ferroviaria” apunta o deputado do BNG. Por este motivo, demanda concretar un horizonte temporal para a posta en marcha dos trens que permitirán reducir o tempo de viaxe entre as principais cidades do País e reitera a solicitude para coñecer o número de trens que circularán pola rede ferroviaria galega.