O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que sexa recoñecida a totalidade da superficie como admisíbel, no caso dos pastos arbustivos e de baixo arborado, para que Galiza non continúe sendo prexudicada na PAC. Urxe deseñar un sistema específico que inclúa a identificación e descrición da variedade de pastos leñosos e estabelecer a admisión destes pastos entre a superficie susceptíbel de recibir axudas. Por último, Rego propón incorporar a identificación de prácticas locais estabelecidas en base a importancia que ten o pastoreo para a conservación de valores protexidos.
A gandería extensiva atópase dentro dos obxectivos que promove a Política Agraria Común. Nos Plans estratéxicos menciónase o concepto “superficie admisíbel” referíndose a que non toda superficie será incluída para os efectos de cobro das axudas da PAC. A formación nacionalista alerta que gran parte das hectáreas dedicadas á produción agraria na Galiza quedarán sen recibir axudas polas súas características de pasto arbustivo ou de pequenas árbores.
Por este motivo, o deputado nacionalista rexistra iniciativas para adecuar os criterios para recibir as axudas da PAC e adaptar os criterios para que os gandeiros e gandeiras galegas poidan percibir as bonificacións económicas. “Ten que recoñecerse a totalidade da superficie como admisíbel no caso dos pastos arbustivos de modo que Galiza non volva saír prexudicada pola falta de recoñecemento das súas singularidades” reivindica o deputado do BNG.
Iniciativas neste mesmo sentido xa foron tamén presentadas no Parlamento da Galiza a iniciativa da deputada do BNG Carme Aira, e nas que se instaba ao Goberno galego a actuar para defender a inclusión das singularidades propias do sector agrario da Galiza nos criterios da PAC. Dita iniciativa foi aprobada cos votos a favor de BNG, PP e PSOE, polo que foi apoiada pola unanimidade da cámara galega.
“O Goberno ten que deseñar un sistema de admisión adaptado ás diferentes realidades e que inclúan no novo deseño a identificación e descrición da variedade de pastos leñosos, así como as prácticas gandeiras asociadas a elas” explica Rego. Desta maneira, explica a formación nacionalista, incorporarase tamén as prácticas locais relacionadas coa conservación dos valores protexidos polas directivas de hábitats e aves da Unión Europea.
O pastoreo destas superficies é unha actividade económica que produce alimentos de calidade e crea postos de traballo en territorios economicamente marxinais, aproveitando recursos forraxeiros que doutra maneira quedarían sen explotar. Ademais a gandería extensiva “ten un papel vital na dinámica e mantemento destes pastos en bo estado produtivo contribuíndo á prevención de incendios forestais, problemática cunha especial incidencia en Galiza”.
“É razoábel que os estándares de control non discriminen segundo o tipo de planta e que o criterio deba ser o uso que se fai das parcelas, é dicir, o pastoreo, non de forma exclusiva o tipo de vexetación que existe nas parcelas con pasto arbustivo” reivindica Rego. Debe atenderse tamén ao gando susceptíbel de ser pastoreado, xa que non é igual o pastoreo de bovino, ou de ovino, cabalar ou caprino. “Os estándares deben ter en conta as diversas realidades das distintas rexións de pastoreo no Estado español e ás características propias de Galiza, para evitar que a gandería galega véxase discriminada e evitar o abandono da actividade e, en consecuencia, o abandono do territorio” conclúe Rego.