O BNG reclamou hoxe no Parlamento galego que a Xunta resolva as axudas destinadas á prevención dos lumes forestais en a montes veciñais en man común e sociedades de fomento forestal se resolvan “en tempo” para que o cumprimento dos prazos permitan que a prevención estea feita antes do período de alto risco e non como está acontecendo na actualidade, onde as axudas se están concedendo cando as vagas de incendios xa pasaron e as medidas de prevención xa non teñen efectividade.
Así o reclamou esta mañá o Bloque ante a Comisión de Agricultura da Cámara nunha proposición non de lei defendida pola deputada María González Albert, quen criticou que as axudas “chegan cando o lume xa pasou, polo que os fondos públicos son investidos inutlimente e sen posibilidade de cumpriren a fin para a que foron orzamentados”.
Neste sentido, González Albert lembrou que as resolucións das subvencións -que neste exercicio 2020 contaron cun orzamento inicial de 5,8 millóns, posteriormente ampliado a preto dos 6,5 millóns- comezaron a se comunicar a mediados de setembro, cando a pasada vaga de lumes de Ourense, e o seu procedemento aínda continuará coa presentación das memorias de traballo e a súa aprobación final por parte do equipo técnico da Consellería de Medio Rural. Deste xeito, “alá por novembro ou decembro teremos rematadas estas accións preventivas, cando a prevención xa non ten a efectividade desexada, fóra de tempo e sen xeito”, criticou.
A deputada nacionalista advertiu que tendo en conta os prazos, ben se pode concluír que “este ano non houbo medidas de prevención acometidas polas comunidades de montes con financiamento da Xunta”, polo que reclamou que as axudas “ou se publiquen antes ou se acurten os prazos de resolución”.
Así mesmo, na iniciativa do BNG, que foi desestimada polo veto do PP, tamén se pediu que se contemple a posibilidade de que os traballos poidan ser realizados polas propias comunidades de montes veciñais en caso de que estas dispoñan de maquinaria e persoal propio, o que suporía un xeito de incentivar o emprego local e engadir un “plus” de beneficio social a esta figura singular.