Congreso

O BNG defende no Congreso máis medidas de apoio aos autónomos e autónomas

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego pide que se condonen cotas tributarias, suspensión de alugueres de negocios e baixar a porcentaxe para poder acceder a axudas.

O deputado nacionalista reclama tamén reforzar o SEPE para xestionar axiña oERTEs e que as persoas afectadas poidan cobrar.

Rego critica que o goberno “metese a man” no fondo de formación para o emprego en vez de optar por gravar as grandes fortunas.

O deputado do BNG, Néstor Rego, interveu na Comisión de Traballo do Congreso, en que comparecía o Ministro de Seguranza Social, inclusión e migracións, José Luís Escrivá, para reclamar máis apoio aos autónomos, que as per soas que están en ERTEs cobren canto antes e que non se afecten os fondos de formación para o emprego.

En relación cos autónomos, o BNG considera necesario que se implementen de forma inmediata diversas liñas de apoio adicional para evitar o fechamento de miles de negocios en Galiza e no conxunto do Estado. Entre eles, Néstor Rego destaca a condonación das cotas da seguridade social durante os meses que o negocio permaneza fechado e, unha vez que sexa reaberto, estabelecer unha cota reducida que permita o sostemento da actividade.

Ademais, Rego pediu a suspensión dos pagamentos de alugueres, tendo en conta que é un dos gastos máis importantes de moitos autónomos. ”Coincidirá comigo -sinalou odeputado nacionalista dirixíndose ao Ministro- en que non é sensato deixar a posibilidade dun adiamento, rebaixa ou condonación á boa vontade e entendemento entre arrendadores e inquilinos”.

Rego salienta que os meses de abril e maio van ser especialmente difíciles, porque non é viábel atender, nestas circunstancias, ao pagamento de gastos fixos, cotas, salarios e á súa propia manutención e a das súas familias, polo que reclama que se axilice cando menos, o abono das prestacións extraordinarias con urxencia para os beneficiarios e as devolucións das cotas de marzo, cobradas de maneira indebida.

“Alegrámonos, por certo, do adiamento das declaracións tributarias até o 20 de maio, aínda que chega tarde, canto faltaban apenas 7 días para finalizar o prazo, co que a maioría de autónomos xa as terán feito. O BNG leva un mes solicitando esta medida, non xa por razóns económicas senón tamén sanitarias”, salientou o deputado nacionalista.

Ademais, Néstor Rego defendeu que é necesario revisar a porcentaxe de perdas nos rendementos estabelecido en 75%, “porque non é concebíbel que un autónomo poida sobrevivir e atender ao pagamento das súas facturas se tivo só 26% ou 30% de ingresos, e non contar con ningunha liña de axuda”, subliñou.

O deputado nacionalista reclamou máis axilidade ao SEPE para conseguir que as persoas que pasaron a ERTEs (máis de 200.000 na Galiza) poidan cobrar canto antes. Rego sinalou este organismo “está a realizar unha xestión ordinaria nunha situación que é extraordinaria, de forma que a estas alturas a inmensa maioría das persoas afectadas non cobraron en abril e non van cobrar previsiblemente no mes de maio se non se actúa, xerando situacións dramáticas para moitas familias que viven ao día dos seus ingresos salariais.

Por último, o deputado do BNG considerou un grave erro a decisión de “meter a man nas cotizacións á Seguridade Social dos traballadores e traballadoras destinadas a formación” -que corresponde xestionar ás Comunidades Autónomas- para financiar prestacións sociais e de desemprego. Rego avogou por buscar financiamento público por vías diferentes e particularmente pola vía impositiva, cun imposto ás grandes fortunas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG