Na súa comparecencia para explicar a posición do BNG do Anteproxecto da lei de Ordenación do litoral, o deputado nacionalista, Luís Bará desmentiu a información da Xunta publicada recentemente da que dixo “presenta falsas expectativas sobre esta lei” xa que é falso que a Xunta teña a potestade para “regularizar preto de 4.000 edificacións no litoral” porque a norma é “estatal” e está regulada pola Lei de Costas e Cambio climático que establece as concesións por un período de 75 anos segundo o tipo de instalacións e para poder intervir neste ámbito, e preciso cambiar a normativa estatal porque “Galiza carece de competencias nesta materia”.
O anteproxecto expulsa a ENCE do lugar que ocupa
O parlamentario do BNG tildou de “emenda á totalidade” á postura da Xunta sobre ENCE “verdadeiro cabalo de batalla” do Partido popular nos últimos anos en materia de litoral, e tal é como está redactado o texto, recalcou o nacionalista, “ENCE non ten cabida onde está” porque a lei non contempla ningún suposto para manter unha instalación industrial como ENCE en terreos da costa e no litoral galego.
Sobre a cuestión competencial, Bará confirmou que o BNG comparte o criterio do informe co Consello Consultivo sobre competencias da Xunta sobre o territorio e o litoral e non precisa que o Estatuto sexa modificado para “asumir esta competencia”.
Galiza, recalcou, ten dereito a “decidir sobre a súa costa e o seu mar e non só xestionar”. Neste sentido, reclamou a transferencia desta competencia e afeou que o Partido popular non reclame que Galiza poida ordenar a súa costa “con criterios propios” e non dende un despacho da Castellana. Galiza, ten máis Km de costa que outras zonas do estado, “1.600 Km e máis de 2.500 se atendemos ás illas e marismas”.
Para o BNG, dixo, o anteproxecto de ordenación do litoral é “ un punto de partida, non de chegada” e a súa elaboracións parécenos “positiva” a cargo do Observatorio do Litoral, organismo con ampla traxectoria na defensa do litoral, aspectos ambientais e a loita contra o cambio climático. Compartimos os tres ámbitos centrados na protección ambiental da costa, protección paisaxística e reordenación das zonas máis deterioradas e degradadas pola intervención humana.
O deputado avanzou que o BNG presentará diversas propostas entre as que salientou: a máxima participación na elaboración da lei coa intervención dos sectores mar-industria, universidades, concellos, ámbito asociativo, cultural, deportivo e social así como sociedades conservacionistas e de protección ambiental nun proceso de participación que debe durar “tres meses” porque o procedemento de información pública da Xunta durante un mes, parécenos “insuficiente” e se produce durante as vacacións navideñas.
Luís Bará tamén apuntou á necesidade dunha “negociación co Estado para a transferencia dos medios de xestión” porque de nada serve unha lei sen medios materiais, expedientes, concesións e prorrogas. Por outro lado, o BNG proporá a creación dun organismo específico, “unha Axencia” para a xestión da ordenación do litoral.
Finalmente, o deputado do BNG preguntou que fixo a Xunta dende o ano 2009 até o 2021 cando “saca este coello da chisteira”, 12 anos sen reclamar ningunha competencia sobre o litoral e unha vez máis con este anteproxecto o que busca a Xunta é “a confrontación co goberno do Estado”.