Parlamento Galego

BNG critica a reapertura da mina de Touro polos danos que vai supor e por favorecer só a grandes empresas privadas

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira asegura que é un exemplo máis da “política colonial do PP”, que  considera Galiza unha “barra libre” para que se lucren "os de sempre"

A deputada Ira Carreira criticou este mércores no Pleno do Parlamento a reapertura do proxecto de Cobres San Rafael polos danos económicos e ambientais e por favorecer só a grandes empresas privadas que aproveitan os recursos naturais galegos sen que quede aquí ningún beneficio, senón o impacto sobre ecosistemas e sectores produtivos xa profundamente danados.

“É un exemplo máis da política colonial do Partido Popular, que considera Galiza unha barra libre para que se lucren os de sempre” deixando detrás de si só miseria e contaminación”, afirmou.

É por iso que a deputada da zona preguntou pola vía de urxencia no Parlamento pola posición da Xunta diante deste proxecto, despois de que o Diario Oficial de Galiza (DOG) sometese a exposición pública a reapertura dunha mina que lle vai afectar directamente aos concellos de Touro e O Pino, pero tamén a  Arzúa e Vila de Cruces pola liña de alta tensión que se necesita desde o encoro de Portodemouros ata a mina, e que tamén impactará negativamente sobre o río Ulla e á ría de Arousa.

“A actividade mineira non é inocua, e moito menos a ceo aberto, que é a que pretende instalar aquí Cobre San Rafael, por moito que se emperren na súa publicidade e se amparen na creación de 400 empregos”, afirmou, advertindo que “pon en risco os máis de 4.000 que xa existen hoxe na Arousa, sen contar a industria conserveira”. 

Carreira fixo referencia á forte oposición ecoloxista e veciñal que freou en 2017 a reapertura da mina, ata que en 2020 recibiu unha declaración de impacto ambiental negativa. “Atopámonos cun proxecto que non ten cambios substanciais co de 2017 e que foi rexeitado en 2020, até o punto que “nin sequera ten os datos analíticos actualizados”, advertiu, aclarando que “isto lle podería aforrar trámites á Xunta porque a lei de avaliación ambiental, no seu artigo 39.4, recolle a posibilidade de inadmitir o proxecto por non ter diferenzas substanciais a respecto dun que xa tivo unha declaración de impacto ambiental negativa”. “Pero esa non é a súa política, a súa é poñer á empresa Cobre San Rafael por diante do País”, expresou.

Na súa réplica, Carreira contestoulle á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, que “o que quero que faga o Goberno do meu País é que goberne e defenda os intereses deste País”, lembrando a aprobación no Pleno deste martes da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas (a Lei de Acompañamento), que “o que fai é unha vez máis poñerlle barra libre a esas grandes empresas, porque esa é a súa maneira de actuar: aprobar leis en solitario que facilitan a implantación de grandes empresas”, reprobou.

A deputada nacionalista tamén quixo saber se a conselleira “confía no criterio dos e das técnicas da Xunta que xa denegaron o proxecto no 2020”, e “por que non fai uso do artigo 39.4 da Lei de Avaliación ambiental”. “Porque non lles interesa, afirmou, porque isto non é unha decisión técnica, é unha decisión política que o que fan é deixar campo libre para as empresas”, aclarou.

“Deixen de escudarse nos técnicos e de intentar dirixir a eles as súas responsabilidades como Goberno” e asuman as súas decisións, deféndanas claramente e diga que prefiren poñer os intereses de Cobres San Rafael por diante de todo un País, que prefiren o lucro económico dunha empresa en vez de que as veciñas de Arinteiro (Touro) poidan ter unha vida tranquila sen ter unha balsa con 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos a oitenta metros de altura a 200 metros das súas casas”, emprazou.

Iria Carreira rematou a súa intervención trasladándolle á conselleira unha pregunta dun veciño de Touro: “Como van confiar na Xunta de Galiza, que leva permitindo a contaminación do río  Pucheiros e de todos os ríos de Touro desde que pechou a mina e que agora van aprobar este proxecto?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG