O BNG comprometeu hoxe a mobilización de 100.000 hectáreas de terra agraria para que Galiza sexa unha potencia competitiva na produción de alimentos. Así o indicou o cabeza de lista do Bloque Luís Bará nunha visita ás adegas de Martín Códax e á sociedade de produción de hortalizas Horsal, en Cambados, onde garantiu que o novo goberno galego apostará polo cooperativismo e fomentará este tipo de iniciativas “por xerar riqueza no territorio e fixar poboación no rural”.
Bará, acompañado da tamén candidata Montse Pradro e de representantes do BNG en na comarca do Salnés, explicou que o Bloque desenvolverá a Estratexia Alimentaria de Galiza e declarará a produción de alimentos como unha das grandes prioridades do país trala súa chegada ao goberno o vindeiro 18F.
Anunciou que dentro desta estratexia mobilizaranse máis 100.000 hectáreas de terra agraria de cara a 2030, recuperando terras forestadas ou abandonadas “para poder desenvolver o potencial que debe ter Galiza na produción de alimentos e ser un país competitivo na materia, sobre todo no viño, na horta”. O candidato amosouse convencido de que hai un déficit que hai que corrixir: “Temos que producir máis produtos de horta, máis legumes, verduras e hortalizas e tamén no relativo ás árbores froiteiras, onde somos claramente deficitarios”, salientou.
Para o cabeza de cartel, fronte á parálise do actual goberno do PP, a administración debe xogar un papel proactivo e de acompañamento de apoio ao sector estratéxico con accións de asesoramento e axilización administrativa, así como no impulso da investigación e a innovación, no financiamento, no apoio á proxección e incremento do tamaño das empresas e na cooperación entre estas, así como na comercialización e a transformación para gañar valor engadido cos produtos.
Subliñou Bará que é “fundamental e estratéxico” o apoio á economía social, ás cooperativas do país, especialmente ás agrarias “porque xeran riqueza, repártena no territorio e vinculan á xente e fixan poboación no rural”. “Estamos nunha zona, O Salnés, na que as cooperativas están a xogar este papel tan importante e onde temos que seguir a apostar por iso para defender a nosa economía para dinamizar o territorio e fixar poboación”, insistiu.
Bará destacou así o papel de Martín Códax e Horsal, cada unha no seu ámbito. Da primeira, sinalou que “amosa músculo”, xa que conta con 300 socios e 150 colaboradores viticultores e supón o 14% da Denominación de Orixe Rías Baixas, cunha produción que chega a 64 países, fundamentalmente a Estados Unidos, estando o 40% destinada xa á exportación. Sobre Horsal, unha sociedade que traballa principalmente con cadeas de supermercados, destacou tamén a súa implantación no Salnés e a súa capacidade de expansión, xa que chega incluso a Reino Unido, Francia ou Países Baixos exportando pementos de Padrón.
Co fin de dar máis seguranza xurídica e facilidades, Bará destacou que o BNG impulsará a elaboración dunha nova Lei de Cooperativas de Galiza, un novo texto legal adaptado ás necesidades, demandas e situacións socioeconómicas actuais, que terá como obxectivos favorecer a creación, funcionamento e consolidación das cooperativas galegas fomentando a participación das e dos agricultores na industrialización e comercialización dos seus produtos.