O BNG celebra este sábado 21 de setembro no Parlamento o XX aniversario do Plan de Normalización Lingüística coa xornada “Cara a un tempo novo para a nosa lingua”, na que a portavoz nacional, Ana Pontón, dará conta das liñas de traballo en materia de idioma.
O encontro, que terá lugar na sala F do Pazo do Hórreo, está organizado polo grupo parlamentar do Bloque para abordar e poñer en común a situación da lingua galega e das propostas para o avance do coñecemento e uso social.
Trátase dun espazo de diálogo e análise, cun programa no que se inclúen persoas de recoñecida experiencia no ámbito da normalización lingüística e que intervirán en dúas mesas de traballo. A primeira achegará unha panorámica sobre a política lingüística do PP a respecto do grao de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística nos 15 anos do seu goberno, así como unha avaliación do Decreto do plurilingüísimo. A segunda porá en valor o compromiso proactivo da sociedade galega, que promove accións en positivo e a favor de procurar avances para o galego desde diferentes espazos comunicativos.