O segundo cumio galego-portugués entre o Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda conclúe coa sinatura da Carta do Porto, un paso máis nesta alianza atlántica fronte ao centralismo, -tanto do Estado español como de Portugal-, unha alianza en defensa dun deseño de infraestruturas e investimentos que permita a cohesión territorial e faga de contrapeso fronte a unha visión centralista que escora cara o Mediterráneo.
“Galiza e Portugal temos intereses comúns e por iso apostamos por unha cooperación intelixente que nos permita avanzar en ámbitos que son clave a un lado e outro da raia”, sintetizou a líder do BNG, Ana Pontón, acompañada na comparecencia pola súa homólogo no Bloco, Catarina Martíns. Uns ámbitos que a portavoz nacional sintetizou nos tres principais asuntos abordados no encontro.
As conexións ferroviarias, en particular a saída sur de Vigo e o Corredor Atlántico; a mobilidade transfronteiriza a un lado e outro do Miño, -a parte máis dinámica dos 1.200 quilómetros de fronteira-; e as relacións culturais e lingüísticas, a través do desenvolvemento da Lei Paz Andrade.
En relación ás infraestruturas, “a clave está na modernización ferroviaria con tres proxectos estratéxicos para a mobilidade de persoas e para a competitividade das empresas”, indicou Pontón, con tres actuacións fundamentais.
A primeira é a conexión Vigo-Porto con velocidade alta, -o que se coñece como saída sur de Vigo-, que permitiría tecer unha gran área metropolitana entre ambas cidades. A segunda, o Corredor Atlántico de Mercadorías: que debe conectar Galiza e Portugal co resto de Europa, “e non pode ser menos que o Corredor Mediterráneo, nin imos permitir dúas velocidades”, subliñou. E por último, o Eixo Atlántico de Mercadorías Ferrol-Sines: é dicir, conectar de norte a sur Galiza e Portugal, facilitando un dinamismo económico e social sen precedentes en beneficio de ambos.
“En definitiva, o impulso dun gran eixo ferroviario atlántico que conecte todas as cidades desde Ferrol a Sines, tanto para a mobilidade de persoas como para o transporte de mercadoría, un proxecto estratéxico para a vertebración territorial, o desenvolvemento económico e a xeración de oportunidades e traballo nos nosos países”, explicou Pontón.
Neste sentido, a posición é clara: “queremos impulsar unha gran fronte política, social, institucional, económica en defensa desta infraestrutura, como contrapeso ao deseño centralista do estado español e a priorización do eixo mediterráneo”, sintetizou a portavoz nacional do Bloque.
Mobilidade de milleiros de traballadores e traballadoras
O segundo gran tema foi a mobilidade transfronteiriza, “moi afectada pola pandemia dificultando a vida de miles de persoas que, sobre todo por razóns de traballo, teñen que desprazarse cada día entre ambos territorios”, alegou. Neste sentido, do cumio saen tres propostas concretas: impulsar unha carta ou pasaporte de cidadanía transfronteiriza ante os Gobernos español e portugués, destinada aos traballadores e traballadoras a un lado e outro da fronteira, para facilitar a súa mobilidade e tamén para simplificar trámites administrativos.
O Bloque xa conseguiu o apoio do Parlamento galego que, de xeito unánime, aprobou defender esta proposta esta proposta ante Madrid e Lisboa. E o Bloco manifestou o compromiso de presentar a mesma demanda na Assembleia portuguesa.
E outras dúas actuacións máis neste ámbito. Un estudo sobre o impacto económico do peche da raia que sexa a base dun plan especial de compensacións para os sectores afectados e un investimento territorial integrado, -mecanismo incluído da política de cohesión-, para a reactivación económica da zona.
Oportunidade dunha lingua que falan 250 millóns de persoas
Finalmente, no ámbito cultural e lingüístico, abordouse o nivel de aplicación da Lei Paz Andrade para aproveitar a oportunidade de compartir unha lingua que falan 250 millóns de persoas en todo o mundo. Entre as propostas, intercambio de emisións da televisión e radios públicas dos dous países, así como de programas e producións audiovisuais e potenciar o coñecemento do portugués nos centros de ensino.
“Só un dato: Estremadura ten cinco veces máis estudantes portugueses que Galiza, polo que é evidente que debemos reforzar a cooperación o fomento do intercambio cultural”, salientou Pontón, quen considera moi positiva a proposta do Bloco de levar ante a Comisión de Cultura do Parlamento portugués o nivel de desenvolvemento da Lei Paz Andrade.
Este cumio galego-portugués de Porto, despois do celebrado en Vigo en decembro, volverá ter continuidade cunha nova cita en Lisboa en poucos meses para seguir avanzando nesta alianza atlantica que ten como obxectivo “sumar a favor dos nosos respectivos pobos”, concluíu Pontón.
No encontro ao máximo nivel participou pola parta galega, a portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado no Congreso, Nestor Rego, o deputado provincial responsable de asuntos transfronteirizos Uxío Benítez, a deputada e portavoz de Ordenación do Territorio, Alexandra Fernández; a deputada e portavoz de Comercio, Carmela González e polo deputado e portavoz de Infraestruturas Luís Bará. Na parte lusa, ademais de Martíns, a deputada á Assembleia da República e integrante da Comissao de Economía e Obras Públicas, Isabel Pires; o deputado e presidente da Comissao de Ambiente, Energia e Ordenamento do Territorio, José María Cardoso; e José Soeiro, deputado e membro da Comissao de Trabalho e Segurança Social e tamén deputada Alexandra Vieira.