O BNG arranca o proceso de elaboración de candidaturas das Xerais convocando o Consello Nacional

Consello Nacional
Consello Nacional

Fíxase como obxectivo recuperar representación no Congreso para darlle voz propia a Galiza e acabar coa discriminación desta lexislatura, porque nun contexto sen maiorías cada escano conta

O BNG da o pistoletazo de saída ao proceso de conformación das candidaturas aos comicios xerais do 28 de abril coa convocatoria do Consello Nacional para este venres, iniciando desde as comarcas un proceso participativo de selección de candidatos e candidatas que concluirá coa aprobación definitiva das listas co 9 de marzo como data de referencia.

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou este calendario nun acto en Lugo a favor dun xulgado específico contra a violencia machista, salientando que a  tras a reunión do máximo órgano de decisión entre asembleas, “a militancia terá a palabra para designar ás persoas que consideran máis idóneas para liderar a representación do BNG nos comicios xerais”, explicou. As propostas das bases servirán para que a dirección nacional defina as candidaturas ao Congreso e ao Senado.

Pontón destacou que o bloque “ten as portas abertas para sumar a todas as persoas que consideren que é preciso ter unha forza propia para defender os intereses dos galegos e galegas en Madrid. Todos os que aposten por unha forza política propia teñen no BNG o seu referente”.

A líder nacionalista salientou que o Bloque concorre aos comicios do 28-A “con optimismo, nun momento de recuperación social cun BNG á alza, que pode presentar ante a cidadanía unha forza política unida é cohesionada, cun proxecto e cun liderado claro”.

Pontón  destacou que as eleccións “son unha oportunidade para cambiar o que non nos gusta, e non nos gusta que aos galegos e as galegas nos discriminen e nos traten como cidadanía de segunda, son unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia no Congreso da man do BNG, porque son moitos os galegos e moitas as galegas que ao longo desta lexislatura botaron de menos ao Bloque en Madrid para defender os seus intereses”.

“Quedou en evidencia que as forzas estatais o único que supoñen é unha alternancia na discriminación a Galiza. Primeiro a década do PP, pero  en menos de oito meses, o PSOE co apoio de En Marea-Podemos deixounos claro nos orzamentos que repite esa discriminación”, criticou Pontón, “o cambio só foi un mero recambio no agravio a Galiza, porque para as forzas estatais este país é a última carta da baralla”.

Por iso, insistiu, “dicimos que as eleccións do 28 de abril son unha gran oportunidade para acabar con esta situación e volver darlle voz aos galegos e as galegas, porque non somos menos que ninguén, porque merecemos respecto e un trato xusto, e iso só é posible cunha forza política que teña a cabeza e corazón en Galiza, sen ataduras nin a Casado, nin a Sánchez nin a Iglesias”.

Pontón tamén resaltou que o BNG é unha opción política capaz de plantarlle cara a involución democrática que, recalcou, “non empezou onte, senón que ven de lonxe”, da man da recentralización política e dos recortes de dereitos e liberdades que empezaron coa modificación do artigo 135 da Constitución cos votos de PP e do PSOE.

“Ese momento, no que as forzas do réxime decidiron apostar pola banca en lugar de polas persoas, marcou o inicio dun proceso de retroceso de liberdades e de dereitos”, indicou, como as contrarreformas laborais ou a Lei mordaza, -que as denominadas forzas da esquerda estatal non derrogaron pese a ter no goberno a un PP en minoría-, seguido dos recortes en sanidade, educación e servizos sociais, ou de recortes en dependencia cunha débeda a Galiza de 188 millóns de euros”.

Neste contexto, o Bloque preséntase ás urnas “como a única alternativa capaz de defender aos galegos e as galegas, sen sucursalismos nin supeditacións a Madrid, e contra os recortes de dereitos e liberdades públicas, “porque nun contexto sen maiorías absolutas, cada escano conta, cada escano marca a diferencia, e o BNG quere marcar a diferencia a favor de Galiza coa maior representación posible no Congreso”, concluíu. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG