O deputado, Néstor Rego, defendeu a actitude construtiva e propositiva que mostraron sempre os nacionalistas, mais foi crítico coas medidas económicas que adoptou o Goberno “por consideraralas insuficientes e en moitos casos inxustas”. Tamén cuestionou a centralización das decisións que se tomou dende un principio, que foi considerada polo BNG como un erro por deseñar medidas contra a emerxencia sanitaria “cun criterio uniforme pensado desde Madrid”, que non se adaptaron á realidade das diferentes nacións, como é o caso da Galiza.
“Acepten a nosa proposta de que sexa o Goberno da Galiza o que deseñe e xestione un Plan de desescalada adaptado á nosa realidade -salientaba o deputado nacionalista- rectifiquen, porque ás veces cando rectifican, acertan, como no caso das saídas dos menores. Asegúrolles que na Galiza hai millares de lugares máis seguros para unha crianza que un supermercado ou un banco”.
O BNG tamén se mostrou moi crítico coa escenificación militarizada da xestión, máis propagandística que práctica. “Fan declaracións que poñen en risco dereitos e liberdades públicas e actuacións que directamente os conculcan como aplicar o artigo 36.6 da Lei Mordaza, esa que ían derrogar de forma inmediata” sinalou Néstor Rego dende tribuna e que “non só non a derrogan, senón que a utilizan de forma improcedente para facer cumprir o Estado de Alarma”.
En relación co papel da Unión Europea nesta crise, o deputado do BNG sinalou que ficou retratada como o que realmente é: unha estrutura antidemocrática e insolidaria, ao servizo das oligarquías e dos estados centrais. E concluiu que outra Europa, “social, democrática e dos pobos, é posíbel e necesaria”.