O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado, avanzan iniciativas en ambas cámaras, así como no Concello de Cambados, para garantir a continuidade da actividade do sector mar-industria nesta localidade e desafectar os terreos e que pasen a ser propiedade do municipio. A organización nacionalista demanda a inmediata transferencia á Xunta de Galiza de todas as competencias relacionadas co dominio público marítimo-terrestre tal e como está estabelecido no Estatuto de Autonomía da Galiza que aínda non están transferidas.
O deputado nacionalista lembrou o cambio na Lei de Cambio Climático que afectaba de maneira especial ao sector mar-industria da Galiza que mudaba os criterios para as concesións en dominio público marítimo-terrestre. O artigo 18, que finalmente coas modificacións do Senado acabou sendo o 20, ao que o BNG se opuxo de maneira frontal porque entendían que “puñan en risco actividades que aglutinaban millares de postos de traballo na Galiza, partindo do descoñecemento da realidade do noso País”. Unha medida que só miraba cara o Mediterráneo onde a maioría de edificios son complexos vacacionais e hoteis en dominio público, mais na Galiza “estamos a falar de actividades que son fundamentais para o mantemento de sectores económicos chaves para o desenvolvemento da nosa economía”.
“É evidente que, se non hai depuradoras de marisco, non hai actividade de marisqueo. Non foi posíbel, a pesar de toda a actividade que desenvolvemos a nivel social e institucional, que o Goberno e os deputados do PSOE e UP entendesen que manter ese artigo ía pór en risco todas esas actividades e, polo tanto, que había que modificalo” explica o deputado nacionalista. Rego salienta que “todo o que dixeron” foi que “serían flexíbeis na súa aplicación” mais nun primeiro informe poñen en cuestións que tres depuradoras de marisco poidan continuar a súa actividade.
O deputado do BNG avanza que presentarán iniciativas no Congreso para pedir explicacións ao Goberno “para que se mude esa regulación e se proceda a transferir todas as competencias sobre costa e sobre dominio público marítimo-terrestre, tal e como está previsto na propia lexislación”. O executivo estatal que “non sabe nin quere saber sobre a nosa realidade” ten responsabilidades políticas por votar en contra da emenda do BNG, mesmo tamén o PP por non votar a favor do texto proposto polo BNG que deixaba excluídas “todas as actividades do sector mar-industria”.
“Seguiremos traballando para defender este sector e defender todos os postos de traballo. Tamén apoiamos a demanda do BNG de Cambados que, frente a submisión do goberno municipal do PP e as actuacións do Goberno central de PSOE e UP, aquilo que está inserido na trama urbana se desafecte” reivindica. Comprométese, ademais, a non permitir máis postos de traballo na Galiza e, sobre todo, na costa do noso País.
Por outra banda, a deputada do BNG no Parlamento da Galiza, Montse Prado, explica o problema polo que atravesa o municipio de Cambados ante o “desleixo lexislativo” que exerceron tanto do PP e PSOE exercen”. Prado anuncia unha iniciativa para comezar o proceso de desafectación destes terreos, espazos para o uso e desfrute da veciñanza, e que “todo este espazo pase a ser competencia municipal”.
A pesar de que estes terreos están cedidos á Xunta de Galiza, deben pasar polo control e autorización previa do executivo estatal. De facto, no mesmo informe enviado polo Goberno do Estado deixa claro que todas estas edificacións- a Praza de Abastos, o Centro de Saúde ou a Estación de Autobuses de Cambados- non procede que estean nesta localización segundo a Lei de Costas, modificada pola Lei de Cambio Climático, e que en canto rematen as súas concesións deben sacarse deste emprazamento.
Alén do máis, ante a visita da Conselleira do Mar e as súas declaracións afirmando que o informe “invade competencias propias da Xunta de Galiza”, Prado sinala que o Goberno galego “ten que actuar e facer valer esas competencias e pedir a transferencia en materia de costas ao Goberno do Estado tal e como recolle o Estatuto de Autonomía de Galiza”. Para a deputada do BNG “non se trata de mendigar o que é un dereito, trátase dunha necesidade tan importante como nós regular o noso mar”.