Congreso

O BNG afirma que as medidas económicas e sociais presentadas polo Goberno seguen a ser insuficientes

Néstor Rego alerta de que todo apunta a que, unha vez máis, a crise social e económica a van a pagar os mesmos, os traballadores e traballadoras.

O BNG propón outras vías de financiamento do impulso económico: fiscalidade que grave realmente as grandes fortunas, recuperar o diñeiro do rescate bancario, reducir o gasto militar ou nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos.

 O deputado nacionalista destaca que só en Galiza son xa máis de 32.000 expedientes e máis de 200.000 traballadores e traballadoras afectadas por ERTEs, case o 20% da poboación activa.

O Bloque Nacionalista Galego non apoiou no Congreso a validación dos decretos con medidas económicas e laborais do Goberno, por consideralas insuficientes e, nalgúns caos, inxustas. O deputado nacionalista, ao igual que acontecera hai 15 días cos decretos anteriores, abstívose.

Néstor Rego lamentaba que non fosen recollidas propostas que rexistrou o BNG como condonar cotas hipotecarias a familias e autónomos ou as cotas tributarias a estes últimos. Do mesmo modo, que non se acordase condonar o pago de alugueiros especialmente naqueles casos en que os arrendadores sexan grandes tedores inmobiliarios. “Son, ao noso xuízo, medidas que continúan sendo necesarias” afirmaba Néstor Rego.

O deputado do BNG denuncia con preocupación que “todo apunta a que unha vez máis a crise social e económica a van pagar os mesmos, os traballadores e traballadoras”. Rego acrecentou que a referencia insistente aos Pactos da Moncloa, “de infausto recordo para a clase traballadora e os pobos do Estado vén a confirmar que se vai na dirección equivocada”.

Os nacionalistas teñen claro que hai outras vías. Néstor Rego propúxolle ao Executivo que “en vez de entrar a saco na seguridade social das persoas asalariadas, no fondo de formación” se habiliten políticas tributarias que graven realmente as grandes fortunas ou fagan pagar máis ás grandes corporacións. Reclamou tamén recuperar os fondos, miles de millóns de euros, non devoltos do rescate bancario que son recursos públicos, así como a nacionalización as grandes corporacións dos sectores estratéxicos ou a redución do gasto militar e a renuncia á adquisición de avións de combate EF 2000, satélites de control HISDESAT ou submarinos S-80, cun custe multimillonario.

Canto ás medidas laborais, Néstor Rego criticou que o goberno optase por favorecer os ERTES, que supoñen unha merma para os ingresos e as condicións dos traballadores e traballadoras, en vez de prohibir o despedimento e apoiar as empresas para manter o salario e que mesmo acabaron cedendo ás presións empresariais e relaxando a garantía de mantemento do emprego durante 6 meses posteriores á reanudación da actividade.

Na opinión do deputado nacionalista a alternativa pasaba por prohibir de verdade o emprego neste período e apoiar economicamente as empresas para manter os salarios -como fixeron outros países europeos- e por permisos retribuídos por deber inescusábel nos casos en que fose preciso.

En referencia aos Pactos da Moncloa. Que agora propón reeditar o goberno, Néstor Rego lembrou que “os pactos de 1977, supuxeron perdida de poder adquisitivo para os traballadores e traballadoras, precarización, despido libre e, no plano político, limitación das transformacións de calado que era necesario realizar para romper de verdade coa ditadura”. O deputado nacionalista considerou que nada positivo pode saír dun pacto cunha dereita que, tratándose dos dereitos dos traballadores, “moi pouco parécelles moito e pouco, excesivo”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG