parlamento galego

BNG acusa ao PP de por en marcha toda a maquinaria para boicotear as zonas tensionadas e o límite ao prezo da vivenda

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández advirte do problema crecente no acceso a unha vivenda e reta á conselleira a mirar o mercado cos ollos de quen no pode pagar o alugueiro

O Bloque levará ao pleno unha moción para que a Xunta free a reforma coa que pretende “pola porta de atrás” torpedear a declaración destas zonas en Galiza

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou este xoves á vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, de “entender o mercado inmobiliario exclusivamente dende a mirada do propietario, que é que canto máis suban os prezos, mellor”. De aí, engadiu, o seu intento de “boicotear” as zonas tensionadas de vivenda e a posibilidade de limitar os prezos dos alugueiros nas cidades e vilas de Galiza, como demostran as súas últimas declaracións.

No canto de ver o problema dende a perspectiva das inmobiliarias, Fernández emprazou á conselleira a “mirar este problema dende os ollos de quen padece as súas consecuencias” nun momento, advertiu, no que se está a rexistrar un “aumento desorbitado” dos prezos e o acceso á vivenda é cada día máis complicado. “O salarios non soben ao ritmo que o fan os alugueiros e hai un problema social crecente”, asegurou a deputada, que insistiu en reclamar ao PP “respostas políticas” para frear os prezos e garantir a accesibilidade á vivenda, cuestión esta que cada día é máis difícil para un maior número de familias galegas.

A deputada nacionalista criticou que o PP aproveite o “tempo de desconto” no que se atopa o goberno galego para “poñer en marcha toda a maquinaria co propósito de boicotear calquera intento de declarar algunha zona tensionada de vivenda” nas cidades ou vilas do País. “Primeiro dixeron que ían recorrer ao Tribunal Constitucional” a reforma estatal que abriu esa posibilidade, “e agora vemos como nun segundo intento utilizan o trámite dos orzamentos para colar pola porta de atrás unha reforma da lei de vivenda de Galiza coa que boicotear a declaración destas zonas tensionadas”, asegurou.

Referíase así a “autoemenda” presentada polo PP á Lei de Acompañamento dos Orzamentos para reformar a norma galega de vivenda. Unha autoemenda que o BNG xa pediu que fose retirada e coa que os populares pretenden endosar aos concellos responsabilidades que son competencia da Xunta para declarar este tipo de zonas con límite de prezos no mercado inmobiliario.

Segundo explica a deputada nacionalista, o PP “invéntanse ademais unha cláusula para que a patronal inmobiliaria tutele e teña que dar o visto e prace á declaración de áreas tensionadas” ou, o que vén sendo o mesmo, “garantir que os concellos vaian fracasar no seu intento”, agregou. Coa reforma que se pretende levar a cabo “pola porta de atrás” a Xunta “resérvase a posibilidade última de tirar abaixo a declaración”, polo que “primeiro mandan as competencias que non lles corresponden aos concellos para logo atalos de mans”.

Alexandra Fernández volveu reclamar hoxe a retirada da emenda do PP e anunciou que o BNG levará de novo ao próximo Pleno unha moción para esixir á Xunta que “asuma as súas competencias en materia de vivenda e desenvolva un marco normativo propio que regule e facilite a declaración de areas tensionadas en Galiza”.  


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG