Diante da solicitude por parte do Goberno de nova prórroga do Estado de Alarma, e coñecidas as condicións avanzadas polo Executivo, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai absterse na votación no Congreso.
O BNG vai manter a actitude construtiva que veu mostrando desde o inicio desta crise sanitaria, polo que non se oporá a unha nova prórroga das medidas necesarias para a contención e control da pandemia. No entanto, non podemos avalar unha liña de acción en que o Goberno español persiste a pesar de se ter evidenciado como profundamente equivocada, polo que nos imos abster.
Estamos a falar do proceso de centralización provocado coa primeira declaración do Estado de Alarma, que supón decidir todo desde Madrid com criterios uniformes sen tomar en consideración as característica e condicións de cada País. Un proceso que se constatou na práctica como inadecuado e ineficaz á hora de aplicar o operativo na Galiza.
En todo o caso, se esta centralización non tiña sentido na fase de escalada, moito menos aínda na de desescalada. Por iso rexeitamos o empecinamento do Goberno de Pedro Sánchez en mantela e en aumentar o despropósito coa decisión que o ámbito de xestión sexa a provincia. Isto só pode entenderse polo afán de saltar as competencias das Comunidades Autónomas porque, do punto de vista práctico, polo menos no caso da Galiza, non é funcional.
Os criterios marcados polo Goberno evidencian o descoñecemento da realidade do noso País, moi diferente a outros territorios do Estado. A Galiza ten metade dos núcleos de poboación do Estado español, como resultado dunha poboación dispersa que tamén fai que moitos concellos que superan os 5.000 habitantes non posúan ningún núcleo que se aproxime a esa cantidade. Ou que nunha provincia coexistan o concello urbano máis poboado (Vigo, 300.000 habitantes) com outros rurais (Dozón, 1.200) que, loxicamente non podemos ter o mesmo tratamento.
Para o BNG, o ámbito de decisión na fase de desconfinamento progresivo debe ser a Galiza, a partir dos criterios xerais que poida marcar o Goberno español ou do seu papel de coordinación. E o ámbito de xestión deberá ser a comarca, que responde a unha realidade xeográfica, económica e de relación social ben perceptíbel e, con certeza, moito máis adecuada que a provincia.
Por iso reclamamos unha rectificación por parte do Goberno que pase por restaurar plenamente as competencias da administración galega para, a partir de aí, poder elaborar un Plan Galego de Desconfinamento progresivo adaptado ás necesidades do noso País e consensuado no Parlamento entre todas as forzas política. Do mesmo modo, é preciso elaborar na Galiza un Plan de recuperación económica e social para atallar as consecuencias desta crise, o que implica que o noso País debe ter a capacidade para poder decidir en función dos propios intereses.