A portavoz nacional, Ana Pontón, inicia unha viaxe por Uruguai e Arxentina, -a primeira como líder do BNG-, para reforzar lazos coa colectividade galega e coas forzas políticas e sociais de esquerda de ambos países americanos. Xunto coa eurodeputada e membro da UE-Mercosur e Eurolat, Ana Miranda, desenvolverán unha intensa axenda de contactos políticos, institucionais, sociais e coa diáspora galega desde a súa chegada a Montevideo o 26 de novembro até a súa partida desde Bos Aires o 2 de decembro.
Os contactos políticos ao máximo nivel inclúen unha reunión co presidente de Uruguai, Tavaré Vázquez, co seu predecesor e hoxe referente internacional da esquerda, José Mújica, -con quen Pontón compartirá seminario baixo o título Izquierda, soberanía y globalización: Unidad para la transformación-, e tamén coa vicepresidenta da república Lucía Topolansky.
Tanto en Montevideo como en Bos Aires, Pontón e Miranda manterán encontros nas cámaras do Senado e do Congreso, con reunións con representantes do Frente Amplio e co Movemento de Participación Popular no caso de Uruguai. En Arxentina, reunión coa bancada do Frente pola Victoria no Congreso da Nación.
Entre os encontros previstos coa colectividade galega, -ademais do contacto directo con militantes e simpatizantes do BNG-, a portavoz nacional e a eurodeputada manterán reunións coa directiva do Centro Galicia, -propietario do cadro A derradeira lección do mestre que forma parte da exposición Castelao Maxistral-, incluíndo unha visita ao Instituto arxentino galego Santiago Apóstol onde, da man do presidente, Manuel Peleteiro, manterá unha xuntanza co alumnado e co profesorado.
Igualmente, tamén en Bos Aires Pontón e Miranda se reunirán co colectivo en defensa do Centro Galego, institución histórica e referencial para a colectividade galega hoxe en dificultades. Ademais, está prevista unha xuntanza co presidente da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, Diego Martínez.
A portavoz nacional manterá unha serie de contactos con movementos sociais de esquerda, como o Movemento arxentino en defensa do aborto, así como unha activa participación en actos públicos a favor das liberdades, da recuperación da memoria histórica e en contra do fascismo, incluíndo unha visita ao Museo da Memoria e Dereitos Humanos e unha conferencia baixo o título Loita contra a o fascismo: de Galiza a América.
O luns estarei en Uruguai e Arxentina para visitar a colectividade galega e axenda internacional do @obloque, acompañada por @anamirandapaz. Empezamos en Montevideo, debate @MPP609 con Pepe Mújica e @freibetto, e encontros con @TabareVazquez @TopolanskyLucia e colectividade Gz pic.twitter.com/dNNV14TV1T
— Ana Pontón (@anaponton) 24 de novembro de 2018