A portavoz nacional, Ana Pontón, convidou a aproveitar a oportunidade do 28A “para rachar co círculo vicioso da discriminación e da dependencia”, optando polo proxecto “ilusionante” da única forza política sen ataduras nin subordinación a Madrid.
“É unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia no Congreso e que nos sirva para acabar coa discriminación, porque os votos dos e das galegas non son de usar e tirar, deben servir para cambiar este rumbo equivocado e mellorar a vida da xente deste país”, argumentou a líder nacionalista na presentación da candidatura do BNG por Ourense ao Congreso, encabezada por Iago Tabarés.
A provincia de Ourense é paradigma do agravio a Galiza, con exemplos como a estafa das peaxes da AP53, o tarifazo que soporta a cidadanía cando viaxa en tren, “con prezos nos billetes até un 60% máis caros que a media”, ou o espolio enerxético que supón ter unha gran parte da provincia cuberta de encoros sen obter ningún beneficio algún de producir electricidade a esgalla.
“Ourense non precisa peaxes senón medidas en positivo e ten posibilidades se rompemos con ese círculo vicioso da dependencia e da discriminación”, recalcou, por iso o 28 de abril hai que apostar por un cambio de rumbo. “Ese cambio pasa porque esta provincia e Galiza recuperen voz no Congreso da man do Bloque”, alegou.
Pontón fixo fincapé no proxecto “ilusionante” que representa un BNG “unido e cohesionado que non está centrado en arranxar lios internos senón en traballar para mellorar a vida da xente, con propostas concretas”.
Como a tarifa eléctrica galega que permite mellorar a competitividade das empresas e, por tanto, serva de estímulo económico nunha provincia tan necesitada de emprego, conseguir os 188 M€ que debe o Estado en dependencia, imprescindibles para un territorio cun alto nivel de envellecemento, ou mellorar as infraestruturas nesta provincia.
A líder nacionalista amosou o seu convencemento de que “a corrente de simpatía cara o BNG” vaise traducir en apoio electoral o 28 de Abril “porque moitos galegos e galegas están cansos de que as forzas estatais pensen que os seus votos son de usar e tirar e saben que poden confiar no Bloque”, concluíu.
O cabeza de lista ao Congreso, Iago Tabarés, proclamou que volve a primeira liña política da man da candidatura nacionalista “porque é o momento de comprometerse con Ourense e con Galiza”, convencido de que é urxente “estar e participar con voz propia alí onde se poden condicionar as políticas que afectan a esta provincia”.
Por egoismo
Nun Ourense que perde poboación, que está a cola de todos os indicadores de sustentabilidade e benestar social, no que hai máis persoas pensionistas que ocupadas é imprescindible ter unha representación no Congreso que non faga seguidismo das forzas estatais senón que defenda os intereses da provincia, argumentou.
“Para que se fale dos nosos problemas específicos, para defender as nosas infraestruturas, para impulsar o tecido industrial e os sectores produtivos, para conseguir beneficiarse de ser este un territorio que produce electricidade, para defender a nosa cultura e identidade, para todo iso, Ourense debe ter voz propia no Congreso, a voz que lle pode aportar o BNG”, indicou Tabarés.
O candidato confesou que esa defensa da provincia tamén ten motivacións persoais: “Tamén o fago por egoísmo, porque quero que as miñas fillas teñan a posibilidade de vivir en Ourense e que o podan facer como galegas en igualdade”, concluíu tras a presentación da candidatura no emblemático espazo das Burgas.