A dez días de expirar o prazo de tres meses acordado entre ALCOA e o Ministerio de Industria para buscar un comprador, lonxe de ter unha solución o que hai sobran son “incertezas”, pois todo apunta a que a opción de Liberty House terminará en fracaso. E neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, pide a intervención publica da multinacional por parte do Goberno central e a Xunta.
“Apoiamos responsablemente a vía da compra-venda aínda que non era a nosa primeira opción, pero esa vía dilátase no tempo, ALCOA segue sen actuar de boa fe e hai que dar unha resposta a unha situación que xa dura un ano, que ten provocado despedimentos, que ralentiza a economía de toda a comarca e que xera unha incerteza que non pode continuar”, argumentou Pontón, “e por iso pedímoslle tanto á Xunta como ao Goberno central que cumpran o mandato parlamentario de intervención pública porque esa é a solución que da tranquilidade e futuro garantindo produción e emprego”.
Tras un encontro co comité de empresa na factoría de San Cibrao, a líder nacionalista subliñou que se trata da única planta de produción de aluminio primario de todo o Estado e que esa produción é viable, máxime nun momento de prezos á alza.
Pontón tamén se pregunta quen esta pilotando a busca dunha solución para a planta da Mariña, cunha ministra de Industria centrada na competición electoral madrileña e un presidente da Xunta ausente dun proceso non que Galiza se xoga tanto.
“Despois de que a señora Reyes Maroto se sumase ás eleccións de Madrid, estaría ben saber quen está liderando esta negociación, porque no BNG moito nos tememos que agora mesmo está máis preocupada da campaña electoral madrileña, que de garantir o futuro de ALCOA”, alertou, “e vemos tamén completamente desaparecido ao señor Feixóo, sen liderar, sen propostas, sen alternativas, ausente do proceso de busca dunha solución, como senón fose con el manter unha factoría da que depende o futuro da Mariña”.
A portavoz nacional recalcou a viabilidade da planta e reclama unha actuación política decidida “porque non podemos converter Galiza nun deserto industrial, ten que producir e para iso o que se precisa é compromiso dos respectivos gobernos e por iso demandamos a intervención pública que garanta produción e emprego”, recalcou, tras un encontro co comité de empresa no que tamén participou o deputado mariñán Daniel Castro xunto con responsables locais e comarcais.