A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo hoxe un encontro telemático con representantes do cluster do turismo galego que agrupa á maioría das empresas do sector.
Tras a xuntanza, Pontón destacou a relevancia deste sector na económica e as graves consecuencias económicas derivadas da crise da COVID-19 polo que reclamou con urxencia “un plan de rescate” e a posta en marcha “dunha estratexia de apoio” a través de campañas de promoción adaptadas ao desconfinamento para fomentar o turismo de proximidade ou interno. A portavoz do Bloque tamén insistiu en que é necesario “reformular” o Xacobeo, tanto nos contidos como no enfoque global, para dar maior cabida ao tecido cultural e comercial de Galiza e, nesa liña, propuxo “ampliar o período até 2022”.
Entre outras iniciativas, o BNG aposta por poñer en marcha unha campaña de promoción do Camiño “como antítese do desconfinamento destinada a un modelo de turismo sostible e asumible”, destacou Pontón.
O Bloque tamén fai fincapé en que é preciso contar con todas as garantías sanitarias e económicas no desconfinamento con protocolos claros porque na situación actual moitos negocios “abrirán a perdas” con ingresos que non garanten cubrir nin sequera os gastos correntes, por iso son necesarias medidas de acompañamento. A portavoz nacional insistiu en que “non se pode deixar caer ao sector do turismo”, que tiña perspectivas de crecemento para o 2021 e estamos nun momento no que non ten cabida “nin a improvisación nin os vaivéns” se o que se pretende e retomar a actividade económica.
O sector precisa iniciar a súa actividade e resulta imprescindible manter os ERTEs mentres se manteñan as medidas restritivas de acceso aos locais e non se normaliza nin a mobilidade nin o consumo. Tamén, volveu insistir Pontón, a Xunta debe aportar axudas directas aos traballadores e as traballadoras autónomas, o Goberno galego, destacou, conta con mecanismos para facelo e hai outros territorios cuxos executivos xa teñen habilitado axudas directas para este colectivo que en Galiza integra a 210.000 persoas.
Pontón tamén reclamou “reformular a política de préstamos” para que a liquidez “inxectada” á banca chegue as empresas e as familias “sen abusos”, con menos trabas burocráticas, que a concesión dos créditos dependa dun criterio social e non exclusivamente do criterio da entidade bancaria, así como aumentar o período de carencia e os prazos de devolución dos créditos ICO, ademais de revisar as liñas do IGAPE, neste momento “insuficientes”.
Para a portavoz do BNG, o sector do turismo terá que “reinventarse” despois da crise para acadar un turismo seguro, e de aí a importancia de campañas informativas de promoción adaptadas a fomentar o desconfinamento e repensar como será o Xacobeo 2021 propoñendo que se estenda até o 2022 para dar resposta ás expectativas de crecemento do sector. Pontón fixo fincapé nas dificultades do sector turístico e reclamou ao Goberno galego “poñer en marcha medidas de carácter excepcional que garantan o seu futuro”.